Marsella
Capital do departamento de Bouches-du-Rhône e da rexión de Provenza-Alpes--Costa Azul, Francia, situada na costa mediterránea, ao pé dun anfiteatro de outeiros calcarios, no golfo de León (807.071 h [2004]). O aumento das funcións portuarias, unido ao gran desenvolvemento industrial das áreas anexas, impulsou un gran crecemento demográfico. As instalacións industriais máis recentes sitúanse nas áreas suburbanas externas e as principais industrias son as petroquímicas, as do aluminio e as do cemento. Fundada cara a 600 a C polos gregos da Focida co nome de ί, aliouse con Roma na Segunda Guerra Púnica, uniuse a Pompeio durante a Guerra Civil e foi capturada e destruída por César (49 a C). Despois da desaparición do Imperio Romano de Occidente (476) pasou a mans dos visigodos, os burgundios e os francos, ata que en 561 se converteu na saída ao mar do Reino de Borgoña. No s IX, converteuse nun vizcondado vasalo do conde de Provenza, e trala morte do último vizconde converteuse nunha comuna que recoñeceu a soberanía do conde de Tolosa e máis tarde de Carlos de Anjou. Na primeira metade do s XIV, a competencia de Montpellier e a desaparición do mercado oriental provocaron a súa decadencia. En 1482 pasou á coroa francesa. No s XVII converteuse en porto franco por decisión do ministro Colbert, o que favoreceu o seu desenvolvemento. Do seu patrimonio cultural destacan o teatro e o peirao, de orixe romana, a casa do concello e as igrexas Saint Victor, coa nave dos ss XII e XIII e os cimentos do s V, e Saint Ferréol (s XV).