Martin Codax

Martin Codax

Xograr ou segrel galego. Estivo activo a mediados ou no terceiro cuarto do s XIII, atendendo aos elementos temáticos e estilísticos e á posición ocupada nos cancioneiros segundo a datación do Pergamiño Vindel (N), que contén as sete cantigas de amigo deste autor, seis delas acompañadas de melodía. Tanto neste pergamiño como nos dous cancioneiros apócrifos italianos, as sete composicións aparecen na mesma orde e cos seguintes incipits: “Ondas do mar de Vigo”, “Mandad’ey comigo”, “Mia irmana fremosa, treydes comigo”, “Ai Deus, se sab’ora meu amigo”, “Quantas sabedes amar amigo”, “Eno sagrado, en Vigo”, “Ay ondas, que eu vin veer”. As características técnicas e retóricas da súa obra reflicten unha educación esmerada en ambientes clericais ou aristocráticos. O trazo máis característico deste cancioneiro é a súa aparente unidade secuencial. Todas as cantigas presentan rima breve, o emparellamento dos termos amigo/amado e alusións a Vigo, pero a unidade secuencial vese no esquema compositivo. Ademais, semellan seguir o esquema da dispositio retorica dos tratadistas medievais, xa que a primeira cantiga funcionaría como proemium, a segunda como argumentatio-narratio, a terceira como argumentatio-tratactio, a cuarta como argumentatio probatio, a quinta como refutatio e a sexta como epilogus. En 1998 dedicóuselle o Día das Letras Galegas, conxuntamente con Johan de Cangas e Mendinho.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo