Martín Iglesias, Francisco

Martín Iglesias, Francisco

Escritor e mestre. Coñecido como Paco Martín, está considerado como un dos narradores máis destacados do panorama literario galego. Ademais de diversas actividades relacionadas co mundo da pedagoxía, foi director do departamento de Produción de Material Didáctico para o ensino en galego da Consellería de Educación e é membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro. Colaborador en diversas publicacións periódicas, dirixiu o suplemento infantil Axóuxere, de La Región (1974-1975), e realizou o traballo de investigación da cultura popular O libro das adiviñas (1975), en que se comparan as composicións en galego con outras procedentes de diversas linguas. Ademais, no apartado didáctico cómpre salientar os libros Lúa Nova 1 e 2 (1978), Con xente miúda 1 e 2 (1985), Galego 1 e 2 (1985) e a unidade didáctica Álvaro Cunqueiro (1991). Da súa abundante produción literaria destacan Muxicas no espello (1971), O libro das adiviñas (1975), No Cadeixo (1976), finalista do Premio Galaxia de Novela; E agora cun ceo de lama (1981), onde aparecen referencias ao realismo máxico; Das cousas de Ramón Lamote (1985, Premio O Barco de Vapor, 1984; Premio Losada Diéguez de creación, 1985), reeditado en numerosas ocasións e traducido a diversas linguas; Lembranza nova de vellos mesteres (1988), Dende a muralla (1990), Un robot pequeno (1991), Historias para ler á noite (1992), un conxunto de relatos caracterizados polo terror e a fantasía e un dos volumes máis editados do autor; Un reguiño na Terra Chá (1995), Somos Galegos porque... (1996), O Paporrubio que tiña sede (1998), Medio Burato (2000) e Auga para encher un cesto (2002). Recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (1986), o Premio Santiago de TVE (1987) e o Premio Puro Cora de Xornalismo (1994).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Lugo