Martínez Salazar, Andrés

Martínez Salazar, Andrés

Arquiveiro e editor. Logo de estudar a carreira de Diplomática nas escolas superiores de Oviedo e Madrid, ingresou en 1865 no Arquivo do Ministerio de Gobernación. En 1872 trasladouse ao Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña, onde comezou a súa estreita amizade con Manuel Murguía. Desde esta ocupación profundizou na campo da historiografía, baseándose na recollida de documentación tratada de forma sistemática e detallada. Nese proceso de investigación tirou do prelo numerosos estudios con documentación inédita, como Crónica Troyana. Códice gallego del siglo XIV (1900), Fragmentos de un nuevo códice gallego de “Las Partidas” (1910), Documentos gallegos de los siglos XIII al XV (1911) e Documentos gallegos del Archivo Municipal de La Coruña (1915). No eido da investigación lingüística e histórica, cómpre salientar Antiguallas de Galicia. Los nombres de La Coruña (1889), “La fauna en la toponimia gallega” (1912-1913) e De la Guerra de la Independencia en Galicia (1953). Colaborador de diversas publicacións periódicas, os seus artigos recompiláronse no volume Algunos temas gallegos (1948-1981). No apartado editorial fundou, xunto con Xoán Fernández Latorre, a colección Biblioteca Gallega, que incluíu 52 títulos. Foi tamén o fundador da revista Galicia. Revista Regional, editada entre os anos 1887-1889 e 1892-1893, na que se incluían estudios científicos, economía e literatura, e onde colaboraron os máis destacados escritores da época. Defendeu os postulados do rexionalismo liberal e participou nos parladoiros de A Cova Céltica. Foi cronista oficial da Coruña, cofundador e presidente (1923) da Real Academia Galega, e fundador e primeiro presidente da Asociación da Prensa da Coruña. Ademais, pertenceu á Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario e á Academie Litteraire et Artistique de París.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Astorga

  • Deceso

    Lugar : A Coruña