Maside, San Tomé de
a Vella Igrexa situada en Maside. De estilo románico, foi construída entre finais do s XII e principios do s XIII. Ten planta rectangular e unha soa nave separada da ábsida por medio dun arco toural de medio punto ornamentado con outro arco, que descansa sobre dúas columnas acaroadas e cos capiteis decorados. Durante a restauración do templo descubriuse unha arcada similar á anterior e atopáronse na ábsida pinturas murais do s XVI de estilo renacentista. A fachada ten portada románica con dous pares de columnas de fustes lisos e capiteis zoomórficos. As arquivoltas son sinxelas e o tímpano liso. No edificio destacan os numerosos relevos nos capiteis e nos muros, tanto do exterior como do interior. O templo foi igrexa parroquial ata 1910, cando se construíu a igrexa de San Tomé de Maside a Nova.