Maside García, Carlos

Maside García, Carlos

Pintor e gravador. Iniciouse na pintura desde cativo, en 1912 instalouse en Vilagarcía de Arousa, onde coñeceu a obra de Castelao, que marcou a súa traxectoria artística e espertou o seu interese pola importancia do debuxo como arte. Viaxou a Madrid en 1915 e introduciuse no mundo cultural da capital. De volta a Galicia colaborou en Vida Gallega, Faro de Vigo e El Pueblo Gallego e xunto con Rafael Dieste e Manuel Antonio comezou a forxar a vangarda galega. Realizou retratos, viñetas e estampas que mostraban o inicio dunha nova xeración, a dos Novos ou dos Renovadores, mentres mantiña tamén relación cos membros da Xeración Nós. En 1926 recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra e viaxou a París onde perfeccionou a súa técnica, empregando o gravado para a reprodución exacta e a xilografía como medio esclarecedor da forma. Coñecía e rexeitaba o academicismo e en París descubriu a vangarda europea e recibiu a influencia do eslavismo de rusos como M. Larionov ou N. Gontcharova. Percatouse de que Galicia ía sufrir un cambio, unha evolución, e precisaba que alguén plasmase a esencia galega que ía cambiar. Ao regresar, continuou colaborando en diversas publicacións periódicas, ao tempo que pintaba cadros con escenas campesiñas combinando a monumentalidade das figuras cunha pincelada espontánea. Reproducía temas costumistas pero cunha nova técnica. Publicou os gravados O circo, Cabezudos, Tres mulleres, todos en 1927, e estampas de peixeiras, campesiñas, feiras e tendas. En 1928 recibiu outra bolsa para ampliar estudios e instalouse en Madrid, onde frecuentou a Dieste, Laxeiro, Fernández Mezquita, Arturo Souto e Mariano Gómez, entre outros. Desta época destacan os óleos Autorretrato e Cartel de Vigo e os gravados Ha pasado el orden e La Elocuencia, estes últimos publicados en Nueva España. Colaborou tamén en La Raza, Política, El Sol e Más. En 1930 ingresou na Cárcel Modelo de Madrid acusado de conspiración política e de simpatizar co manifesto republicano do 15 de decembro. Durante a súa reclusión realizou os gravados La cárcel e In memoriam. Volveu a Galicia e instalouse en Santiago de Compostela onde practicou o gravado, o óleo e a augada. Inmerso no renacer cultural galego, participou de cheo na vangarda e nos parladoiros que se organizaban arredor de Ramón María del Valle-Inclán. De 1932 son as xilografías Retrato de Castelao e Autorretrato ademais das obras que expuxo no Casino de Vigo: os óleos Campesiña cun cabalo, Mulleres en roda, Tenda, Unha aldeá, Os xadrecistas, Paisaxe de Compostela, Boneca, Retrato de Álvaro Cunqueiro e Muller vestida de amarelo, e estampas como Maternidade e Feira. Retomou a súa colaboración en El Pueblo Gallego (1932-1936) e pintou retratos de intelectuais, artistas e políticos da época. Neste momento descubriu a súa diabete, o que influíu na súa produción posterior. Participou en parladoiros intelectuais de tendencia marxista con persoeiros como Gabriel Xosé Eiroa, Carlos Martínez-Barbeito, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego e Luís Seoane, entre outros. Simpatizou co Partido Galeguista ata 1936, cando solicitou o ingreso no Partido Socialista. Fundou Resol e colaborou en Cristal e Yunque. Como debuxante-político, pintor, gravador e profesor de debuxo, participou de forma activa no desenvolvemento cultural da Segunda República Española. Colaborou en numerosas publicacións e de-señou a portada de Suceso en los arrabaldes de Antón Ramos, e de Retrincos de Castelao. Vencellado á esquerda política, os seus gravados reproduciron os cambios sociais e políticos pero tamén a súa necesidade de liberación persoal e colectiva. Nesta época realizou viñetas de carácter político-social, retratos-caricaturas e estampas. Nas viñetas buscou a transformación da realidade, mentres que nas estampas mesturou o deseño e a pintura, con debuxos sintéticos, onde o que interesaba era o tema, exposto cun estilo culto e refinado. Os óleos proceden das estampas, e tamén nestes reflectiu a temática popular, con formas quietas e intemporais. Recuperou as formas e buscou un concepto plástico simplificador e simbólico. Recibiu a influencia do cubismo, do expresionismo e do realismo máxico, que conciliou co seu interese pola arte popular e os costumes de Galicia. Realizou cadros de certa ascendencia expresionista ou cubista, de composicións estruturadas e barrocas. Na temática repetiu escenas populares con variacións e dispoñendo con orde os elementos. Empregou unha paleta de cores quentes con predominio de vermellos, azuis e amarelos. En 1936 colaborou co Frente Popular no deseño de propaganda para as eleccións e no proceso para a consecución do Estatuto de Autonomía de Galicia. Nese mesmo ano recibiu un accésit do Concurso Nacional de Bellas Artes do ministerio de Cultura polo gravado Leiteiras. Trala sublevación militar de 1936 requisouse a publicación El Pueblo Gallego e rematou a súa actividade como debuxante político para a prensa. A Guerra Civil Española (1936-1939) supuxo unha fase de recollemento interior ata chegar a un renacer artístico que coincidiu co empeoramento da súa saúde. Trala contenda, permaneceu en Galicia e pintou, completamente illado, escenas populares e retratos. Diminuíu o carácter escultórico das primeiras obras para incrementar os efectos da luz e da cor. Preocupouse pola forma, a cor, o movemento e a luz, que estudiou e analizou para resaltar os elementos das súas obras, e rematou inclinándose cara á abstracción. En 1945 ilustrou o libro A vocación de Adrián Silva de Otero Pedrayo e nese mesmo ano expuxo Vista de Compostela, Nena en morados, Rosas e Buguia, Nena en amarelos, Paisaxe da Estrada e A gaiola. De 1948 son os óleos Os Profetas e Altar da Virxe das Angustias. En 1950 nomeárono director artístico da Editorial Galaxia e publicou En torno a la fotografía popular, un ensaio sobre o realismo. Nunha viaxe a Combarro inspirouse para facer obras como Peixeira (1952), Rapaza, Neno en azuis, Mariñeiro, Resaca, Manchas, Casas de Combarro. Ademais das nomeadas, destacan Bodegón (1924-1926), Cacharreira (1942), Costureira (1945?), Tenda de Queixos, Dúas paisanas (1946-1948), Mercado (1950) e Lavandeiras (1953). A súa obra converteuse nun referente para o posterior desenvolvemento da vangarda galega e está presente en numerosas coleccións e museos, como o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada e o Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Pontecesures

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela