Mateo, mestre
Arquitecto e escultor. Foi o principal representante do estilo protogótico en Galicia, onde viviu e desenvolveu a súa actividade artística. Descoñécese a súa formación, posiblemente adquirida ao longo do Camiño de Santiago, especialmente nas vías francesas. A súa primeira intervención documentada sitúao en 1161 nas obras da ponte de Pontecesures. Un documento de 1168 vincúlao a Santiago de Compostela, onde traballou durante máis de 20 anos como mestre de obras da catedral por encargo de Fernando II, de quen recibiu a cambio unha renda vitalicia. Nesa data iniciou o pórtico da Gloria, única obra súa documentada e principal exemplo do protogótico, imitado posteriormente no pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. O seu estilo caracterizouse pola madurez, expresada tanto nos recursos técnicos como iconográficos, e pola utilización de elementos románicos que apuntaban xa algunhas característas do gótico: o emprego de arcos apuntados na separación dos tramos, as bóvedas oxivais, o naturalismo e a idealización da estatuaria. Realizou tamén a cripta, situada xusto debaixo do pórtico para salvar o desnivel entre o piso da igrexa e a praza do Obradoiro. Unha inscrición feita por el nos linteis do arco central do pórtico en 1188 especifica o seu cargo de mestre de obras e sinala o fin das obras nesa data. Posteriormente, as noticias que del se teñen aparecen reflectidas en contratos de carácter privado (1189,1192 e 1217), que unicamente testemuñan a súa presenza en Galicia. A importancia da súa obra e o longo período de tempo que lle adicou, conferíronlle unha forte sona que desembocou na súa mitificación e na imitación do seu estilo. Popularmente, Mateo identificouse no presunto autorretrato que el mesmo colocou detrás do mainel do pórtico, en forma de figura axeonllada en actitude penitente en dirección ao altar maior, coñecido popularmente como Santo dos Croques.
Cronología
-
Deceso
Lugar : XIII