Mauricio, illas
Estado de África oriental, situado no Océano Índico, ao L de Madagascar. Comprende as illas Mauricio, Rodrigues e os grupos de Agalega e Saint Brandon, tamén chamados Cargados Carajos (1.865 km2; 2.045 km2 coas súas dependencias; 1.156.000 h [estim 2001]). A capital é Port Louis.
Xeografía
De orixe volcánica, o relevo ao longo da costa é montañoso e de fértiles chairas no interior. O clima é monzónico e son frecuentes os tifóns. A base económica é a agricultura, onde destacan os cultivos de cana de azucre, té, tabaco, millo, arroz, legumes, hortalizas, oleaxinosas e froita tropical. Posúe industria de transformación de produtos agrícolas, da madeira, de confección téxtil, unha fábrica de fertilizantes e unha refinería de petróleo. Exporta azucre e subprodutos, confección, té, petróleo e artigos manufacturados.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación de illas Mauricio está composta maioritariamente por hindús (68%), seguidos dun 27% de crioulos e un 3% de chineses; os demais grupos étnicos agrúpanse no 2% restante. A lingua oficial é o inglés, pero as linguas máis faladas son o crioulo derivado do francés e o hindi. O 50,9% da poboación é hindú, o 27,1% son católicos, o 16,1 % musulmáns e o 5,9% agrupa as restantes filiacións relixiosas
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa o país entre os de desenvolvemento humano medio (ocupa o 63º posto cun índice de 0,765). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e 75 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 84,5% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 63% e o PNB por habitante é de 3.540 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, independizouse o 12 de febreiro de 1968. A Constitución do 12 de agosto de 1967, reformada o 12 de marzo de 1992, establece a república como forma de estado. O poder lexislativo está formado pola National Assembly, cámara unicameral que conta con 70 membros, 62 elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos, e oito adicionais en representación de diferentes grupos étnicos, que elixe o presidente da república por maioría simple e para un período de cinco anos. O poder executivo reside no primeiro ministro, nomeado polo presidente, que tamén designa os ministros segundo as propostas do primeiro ministro. O sistema xudicial baséase no sistema civil francés con elementos da common law británica, e en certas áreas conta cunha Supreme Court. As principais forzas políticas son o socialista Mauritian Militant Movement/Mouvement Militant Mauricien (MMM), os socialdemócratas Militant Socialist Movement/Mouvement Socialiste Militant (MSM) e o Parti Travailiste/Mauritius Labour Party (PTr). Os partidos conservadores son Parti Mauricien Xavier-Luc Duval Mauritian Party of Xavier-Luc Duval (PMXD) e Mouvement Republicain/Republican Movement (MR). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e é membro asociado da UE.
Historia
Foron descubertas en 1505 polo portugués Mascarenhas e ocupadas polos holandeses (1598-1712) -que lle deron o nome en honor a Mauricio I de Orange-Nassau- e os franceses (1712), que introduciron o cultivo da cana de azucre. Os británicos apoderáronse delas en 1810, séndolles cedidas formalmente en 1814. Pola Constitución de 1966 o Estado acadou a autonomía administrativa no marco da Commonwealth e en 1968 accedeu á independencia co Parti Travailiste/Mauritius Labour Party (PTr) no poder e Seewoosagur Rangoolan na presidencia. En 1969 formouse un goberno de coalición entre os laboristas e o Parti Mauricien Social-Démocrate (PMSD). Rangoolan permaneceu no poder ata as eleccións de 1982, en que venceu o MMM, aliado co Parti Socialiste Mauricien (PSM) e Anerood Jugnauth foi nomeado presidente. En xullo de 1990 a principal formación da oposición, o MMM de Prem Nababsing e Paul Bérenger, asinou un pacto electoral co MSM de A. Jugnauth. En 1992 Cassam Uteem foi elixido presidente e o país converteuse na República de Mauricio. As eleccións de 1995 déronlle a vitoria ao MMM, que formou coalición co PTr e Navinchandra Rangoolam foi escollido primeiro ministro, mentres P. Bérenger foi viceprimeiro ministro. As relacións entre ambos partidos deterioráronse e en 1997 rompeuse a alianza. Nas eleccións lexislativas de 2000 venceu a coalición de A. Jugnauth e P. Bérenger, primeiro ministro e presidente da república, respectivamente, que renovaron o seu cargo en 2003. Desde 2001 Mauricio obtivo a presidencia rotativa da Comisión do Océano Índico.