medula

medula

(< lat medulla)

  1. medula.

  2. [ANAT]
    1. s f

      Parte máis interna dalgúns órganos, contraposta á codia.

    2. medula espiñal

      Parte intrarraquídea do sistema nervioso central que ocupa o conduto vertebral desde o burato occipital ata a beira inferior do corpo da primeira vértebra lumbar. No home é un cordón cilíndrico lixeiramente aplanado que presenta dous engrosamentos fusiformes, o cervical e o lumbar, que corresponden ás porcións da medula que innervan os membros superiores e os inferiores, respectivamente. É unha estrutura continua, pero os 31 pares de nervios raquídeos que saen dela (8 nervios cervicais, 12 dorsais, 5 lumbares, 5 sacros e 1 coccíxeo) confírenlle un aspecto segmentado. A súa estrutura interna está formada de substancia gris, que está situada ao redor do canal da epéndima e rodeada de feixes lonxitudinais de substancia branca. A medula está envolta polas membranas menínxeas (piamáter, aracnoide e duramáter) e entre a primeira e a última está o ligamento dentado que permite o paso das raíces raquídeas. Nun corte transversal o eixe gris ten a forma dun H, e pódense distinguir dúas capas anteriores, dúas posteriores, dúas laterais, unha comisura gris posterior e unha comisura gris anterior. A medula espiñal representa a ligazón entre os centros nerviosos superiores e os órganos periféricos, transmite as mensaxes en sentido centrípeto e centrífugo, tanto ao cerebro coma ao cerebelo, e é un importante centro de actividade reflexa.

      Sinónimos: michola.
    3. medula oblonga

      bulbo raquídeo.

    4. medula ósea

      Substancia que enche as cavidades dos ósos e constitúe unha parte principal do sistema hematopoético. A súa función principal é a de actuar como órgano hematopoético e destruír os eritrocitos non útiles. Existen dous tipos de medula ósea, a vermella e a amarela, esta última sen función hematopoética. O seu estudo é importante nas enfermidades do sangue, porque orienta con vista a un posible fracaso da serie eritropoética, mielopoética e cariopoética, ou porque indica a presenza de células anormais: leucemias, plamocitomas ou células canceríxenas.

      Sinónimos: miolo.
  3. s f [BOT]
    1. Parte interna do cilindro central do filamento da raíz, que está circundada polos feixes vasculares e constituída por un tecido parenquimático, denominado parénquima medular.

    2. Parte interna do talo dos liques.

  4. s f

    Parte principal dunha cousa non material.

    Ex: A medula do problema é a falta de cartos.

Frases feitas

  • Ata a medula. Ata o máis profundo. Ex: Está implicada no proxecto ata a medula.

Formas incorrectas

médula

Palabras veciñas

medranza | medroso -sa | Medua, ponte da | medula | medula | medulación | medular