Megalitismo
Cultura prehistórica definida pola presenza de megálitos que puido xurdir no occidente de Europa e que acadou o seu máximo florecemento entre finais do III milenio a C e a primeira metade do II milenio a C. A súa característica principal foi a construción de monumentos, na súa maior parte funerarios, a base de pedras de gran tamaño. En Galicia a tipoloxía arquitectónica da cultura megalítica que inclúe antas, mámoas, pedrafitas e círculos líticos, intégrase nun conxunto máis amplo espallado polo territorio de Asturias, a metade occidental de León e Zamora e o norte de Portugal ata o Douro. A presenza de restos desta cultura documéntase en todo o territorio, situados en zonas chairas, tanto a altitudes elevadas como baixas. Na cultura megalítica galega poden distinguirse tres períodos: a fase inicial, datada arredor de 3500 a C, que foi o período de eclosión onde predominaron os sepulcros pequenos e as antas de cámara poligonal sen corredor e na que se atoparon, nos enxovais, fundamentalmente restos de industria tallada como micrólitos, lascas, machadas e doas de variscita e cerámica; a fase de apoxeo, datada entre 3000 e 2500 a C, que se caracterizou pola maior complicación na arquitectura funeraria coa existencia de cámaras con corredor de entrada e enterramentos de maior tamaño e da que destaca a presenza nos enxovais de puntas de frecha con base triangular, o fósil director deste período; e a fase final, datada entre 2200 e 2100 a C aproximadamente, que destacou polas antas de pequenas cámaras e a presenza de mámoas sen estrutura pétrea e na que se localizaron nos enxovais dobres machadas, dobres aixolas, grandes sachos, ciceis e mazas, e onde tamén se produciu a eclosión da cultura do vaso campaniforme, da que apareceron numerosos restos cerámicos. Os achados materiais máis habituais desta cultura compóñense de obxectos da industria lítica tallada como láminas de sílex, puñais, alabardas, puntas de frecha, e micrólitos, e da industria lítica puída, como machados, gubias e mazas. Entre os obxectos de metal atopados nas escavacións destacan xoias de ouro e puntas de frecha en bronce ou cobre, e entre a cerámica abundan os recipientes campaniformes. A ocupación progresiva do territorio dos pobos que desenvolveron esta cultura realizouse mediante un sistema de diversas unidades sociais dispersas e de reducido tamaño que contribuíu a humanizar a paisaxe de forma permanente. A súa economía baseábase na recolección, combinada coa agricultura e a gandería. Nesta época tamén puido producirse o aumento das comunicacións marítimas e continentais, nas que Galicia ocupou un papel destacado como foco de difusión da cultura do vaso campaniforme entre o norte de Portugal e as rexións marítimas francesas.