Megara
Antiga cidade de Grecia, situada na costa setentrional do golfo Sarónico, preto da actual cidade homónima, no nomós de Ática. Foi o centro da rexión comprendida entre o istmo de Corinto, Ática e Beocia. Durante os ss VIII e VII a C acadou o seu maior esplendor e fundou diversas colonias, como Megara Hiblea. Sobre 560 a C Pisístrato apoderouse das súas posesións de Salamina e de Nicea, mentres Teáxenes acadou o poder da pole. Este tirano recuperou os territorios espoliados e fundou Heraclea do Ponto. Aliada con Atenas e membro da Liga do Peloponeso (446 a C), aproximouse despois a Esparta, polo que tivo que someterse á oligarquía ata o 394 a C. Saqueada por Demetrio I de Macedonia (307 a C), non conseguiu recuperar o esplendor perdido, e entregouse espontaneamente a Roma en 146 a C. En 1364 tivo lugar diante das súas costas a Batalla de Megara, entre as naos turcas do sultán Murat I e as forzas bizantinas e da orde de San Xoán. Consérvanse restos das dúas acrópoles e dos numerosos templos nomeados por Pausanias nas súas obras.