Melilla

Melilla

Cidade Autónoma de España no Norte de África, situada na parte oriental dunha pequena península, nunha baía entre os cabos Tres Forcas e Agua. Limita co Mar Mediterráneo e cunha franxa neutral de 500 m de anchura que a separa do estado de Marrocos pola parte continental (68.789 h [2001]). Está a 35° 17’ 40’’ de latitude N e 2° 56’ 30’’ de lonxitude O.
Xeografía
O seu núcleo primitivo era un illote-fortaleza que domina a chaira onde se ergue a cidade moderna. Ten un clima mediterráneo semiárido, cunha temperatura media anual de 20°C e escasas precipitacións. A poboación é na súa maioría de orixe española, e a única minoría importante é a musulmá. É unha praza militar cunha economía limitada ás necesidades da poboación e cunha mínima dedicación ao turismo. A actividade do porto está vinculada á exportación de produtos marroquís, sobre todo ferro.
Historia
A antiga Rusaddir foi unha colonia fenicia desde o s VI a C. Pasou sucesivamente a mans de Cartago e Roma, formando parte do Itinerario Antonino como cabeceira da Mauretania Tingitana e, despois de ser conquistada polos vándalos (430) e polos árabes (s VII) -que lle deron o nome de Melilla-, transformouse nun foco de pirataría. En 1497 foi conquistada por Xoán Alonso de Guzmán, III duque de Medina Sidonia e pasou a Castela. Durante os ss XVI e XVII fortificouse, pero moitos daquelas construcións foron destruídas polos ataques inimigos, o asedio marroquí e polo terremoto de 1660. Retomado o seu control polas forzas españolas, desde finais do s XIX iniciouse a Guerra de Melilla, na que se puxo de manifesto a inconformidade dos rifeños coa presenza dos españois, que resultaron vitoriosos na contenda. Melilla foi a cidade na que se iniciou a sublevación militar do 17 de xullo de 1936,-con 24 horas de anticipación ao resto de España-, e que deu orixe á Guerra Civil Española. A causa   da precipitación da declaración do estado de guerra, asinada nun bando coa data do 18 de xullo polo xeneral Franco, foi a delación recibida polo delegado do goberno, do golpe que se estaba preparando. A súa orde de detención para os dirixentes locais da sublevación foi inmediatamente respondida por estes, de xeito que os acontecementos se precipitaron. Tras o conflito, a cidade viviu un período de esplendor que culminou o 14 de marzo de 1995, cando aprobou un estatuto específico que a converteu en Cidade Autónoma, con capacidade de autogoberno.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destaca a Ciudadela ou Melilla la Vieja e a cidade nova, na que destacan os edificios modernistas realizados por Enrique Nieto, o edificio La Reconquista, o Palacio Municipal, a Casa Tortosa, a Sinagoga, a Mezquita, o Casino Español e a Casa Palacio de Cristal, entre outros. O conxunto histórico-artístico da cidade foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1953. Entre as institucións culturais destacan o Museo Municipal e o Museo del Ejército. Tamén as construcións defensivas, como o fortín de san Francisco, os fortes de María Cristina, de Camellos, de Cabrerizas Altas e da Concepción, declarados BIC en 1990, así como o de Rostrogordo (BIC 1999), o forte exterior Alfonso XIII (BIC 2000) e o fortín de san Francisco (BIC 2004). A capela de Cristo Rey do Hospital Militar Pagés   foi declarada BIC en 2004.