Menéndez Pidal, Ramón

Menéndez Pidal, Ramón

Filólogo e historiador. Doutorouse en Filosofía e Letras na Universidad de Madrid (1893), onde foi discípulo do profesor M. Menéndez Pelayo. Catedrático de Filoloxía Románica (1899-1939) na Universidad de Madrid, consagrouse ao estudo da épica medieval e emprendeu a investigación rigorosa das crónicas medievais, ademais de interesarse polos aspectos sincrónicos da lingua e da dialectoloxía. En 1901 foi elixido membro da Real Academia Española, que presidiu nos períodos 1925-1939 e 1947-1968. A partir de 1910 dirixiu o Instituto de Estudios Históricos e, en 1914 fundou a Revista de Filología Española. Durante a Guerra Civil refuxiouse en Cuba e Nova York, e ao seu regreso iniciou a publicación de Historia de España (1947), que dirixiu, e na que colaboraron máis de 250 especialistas españois e estranxeiros. A súa grande obra Cantar de Mio Cid (1908-1912), en tres volumes, contén o texto paleográfico e crítico do manuscristo da xesta e constitúe un estudo capital da lingua castelá da época, ademais de servir para aclarar numerosas controversias lingüísticas. Do resto da súa obra, en parte influída pola ideoloxía castelá dos autores da Xeración do 98, destaca Poema del Cid (1895), Leyenda de los Infantes de Lara (1896), Crónicas generales de España (1898), Manual de gramática histórica española (1904), Poesía juglaresca y juglares (1924), Orígenes del español (1926), España del Cid (1929), La idea imperial de Carlos V (1938), La lengua de Cristóbal Colón y otros ensayos (1942), La epopeya castellana a través de la literatura española (1945), Reliquias de la poesía épica española (1952), Romancero hispánico (1953), Toponimia prerrománica hispana (1953), La Chanson de Roland y el neotradicionalismo (1959) e El Padre Las Casas, su verdadera personalidad (1963). Foi membro da Real Academia de la Historia (1916).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Madrid