Menorca
Illa do arquipélago das Illes Balears, a máis oriental do conxunto das illas (691 km2; 71.524 h [2001]).
Xeografía
O terreo é chan, suavemente ondulado e protexido pola pequena cordilleira da costa setentrional, coa altura máxima da montaña de Toro (358 m). O territorio menorquino divídese en dúas grandes rexións, Tramuntana e Migjorn, separadas por unha liña que atravesa transversalmente a illa desde o porto de Maó ata as praias setentrionais de Algaiarens. A súa costa é, en xeral accidentada, característica que no sector de Tramuntana se acentúa con fondas entradas e elevados promontorios. O clima de Menorca corresponde ao tipo mediterráneo marítimo e temperado, practicamente uniforme en toda a illa pola falta de barreiras orográficas importantes. A flora é mediterránea de tipo tirreno e a agricultura é unha das actividades fundamentais, equilibrada coa industria e unha crecente orientación turística.
Historia
O primeiro poboamento da illa remóntase ao Neolítico, pero o máis representativo da época prehistórica foi a cultura talaiótica, que se desenvolveu entre o II milenio a C e a romanización. A illa foi ocupada por gregos, cartaxineses e romanos, que a incorporaron á provincia da Hispania Citerior. No s V foi conquistada por vándalos e no s VI por bizantinos, que a dominaron ata a conquista musulmá (903). En 1232 Xaime I de Aragón conquistouna e declarouna independente ata que en 1287 Afonso III de Aragón a incorporou á coroa e a repoboou con inmigrantes cataláns. Como punto estratéxico no Mediterráneo, foi invadida en numerosas ocasións durante as idades media e moderna. Durante a Guerra de Sucesión Española apoiou o arquiduque Carlos de Austria e foi invadida polos británicos, que conseguiron a cesión española da illa no Tratado de Utrech (1713). Desde 1756 estivo baixo soberanía francesa, pero polo Tratado de París (1763) volveu a mans británicas, ata 1782. Os españois conseguiron reconquistala (1782-1789), aínda que a cesión por parte dos británicos do territorio non sería definitiva ata 1802, coa sinatura da Paz de Amiens. Desde finais do s XIX iniciouse na illa o proceso de desenvolvemento industrial. Durante a Guerra Civil Española fracasou a sublevación do 18 de xullo de 1936 e a illa non foi tomada ata febreiro de 1939. A finais de século, coa recuperación da democracia, constituíuse o Consell Insular de Menorca (1979).