Mensajes de Poesía
Publicación que apareceu en Vigo a partir de setembro de 1948 e que cesou en xaneiro de 1952. Redactada, editada e distribuída por Eduardo Moreiras, non tivo periodicidade fixa e a difusión realizouna o propio autor a 300 amigos. De modesta pero coidada edición, incluíu poemas en galego, castelán, francés, inglés e portugués. Entre os seus colaboradores figuraban Vicente Aleixandre, impulsor da revista, L. Cernuda, Blas de Otero, R. Alberti ou J. Ramón Jiménez, e os autores galegos Álvaro Cunqueiro, L. Pozo Garza, Luís Pimentel, e, de xeito ocasional, Carballo Calero, Ánxel Fole ou Celso E. Ferreiro. A revista publicou catro monográficos, dedicados a Rafael Morales, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde e Blas de Otero; este último provocou problemas coa censura e o seu peche definitivo.