mercado
(< lat mercātu)
-
s
m
Reunión de mercadores nun lugar público co propósito de efectuar o intercambio comercial. Desde os tempos máis antigos, a progresiva división social do traballo deu lugar á celebración de reunións de mercadores cunha certa periodicidade, normalmente semanal, co fin de ofrecer os seus produtos. Desde o Imperio Romano, o desenvolvemento dos mercados obrigou á intervención do estado ou doutros organismos públicos para evitar así os abusos nos pesos e medidas empregadas. Coa decadencia do Imperio Romano e o proceso de feudalización que experimentou Europa Occidental desde as invasións ata o s XI, os trocos experimentaron un retroceso, aínda que a escala local non desapareceron nunca. Este foi o fenómeno que se deu nos reinos cristiáns da Península Ibérica onde, desde os ss IX e X, se desenvolveron mercados locais que se expandiron a partir dos ss XI e XII grazas ao avance da colonización interior e ao contacto co mundo musulmán, onde os intercambios mercantís eran moi frecuentes e regulares. Coa revolución comercial dos ss XII e XIII e cos grandes descubrimentos da fin do s XV, os mercados aumentaron en importancia, como tamén o fixo a variedade dos produtos cambiados. Durante o s XIX o proceso de urbanización, consecuencia da Revolución Industrial, obrigou á celebración diaria do mercado de produtos alimentarios básicos nas grandes cidades, controlados polas autoridades municipais. Aínda que en moitas poboacións se mantén o mercado semanal, que congrega a un bo número de vendedores ambulantes, a revolución dos transportes e a masificación da produción fan que o peso das transaccións importantes xa non pase polos mercados.
-
s
m
-
Lugar público onde se fan as transaccións comerciais. Anteriormente ao s XIX, servía de mercado a vía pública e normalmente centrábase nunha praza grande. As necesidades da nova cidade industrial levaron, a mediados do s XIX, á creación de novas tipoloxías construtivas.
-
Lugar público destinado á venda de produtos alimentarios.
Sinónimos: praza.
-
-
[ECON]
-
s
m
Conxunto de actividades de compra e venda de mercadorías levada a cabo por dúas categorías de suxeitos económicos, os demandantes e os oferentes. O que caracteriza a existencia dun mercado é o proceso ou a forma máis que o obxecto de intercambio. O mercado aparecen como o mecanismo fundamental de intercambio cando a división do traballo e a especialización entre produtos independentes se estenden. O modo de produción mercantil por excelencia é o de produción capitalista que se caracteriza polo máximo desenvolvemento dunha división do traballo entre produtos independentes. Segundo os autores que non aceptan o concepto de modo de produción capitalista, as formacións sociais capitalistas se denominan economías de mercado por oposición ás economías planificadas, que comprenden o que habitualmente se designa co nome de economías socialistas ou formacións sociais en transición cara ao socialismo. O mercado ten como función principal facer compatibles as condutas dos oferentes e os demandantes a través da formación de prezos cos que se efectúan os intercambios de mercadorías. Aínda que o prezo resultante en cada mercado poida aparecer como arbitrario, este debe permitir asegurar a reprodución da economía na medida en que os inputs polos diferentes procesos económicos cheguen en cada período ás unidades de produción e aseguren aos capitalistas unha taxa de ganancia axeitada. A economía ortodoxa considera que a asignación máis eficiente dos recursos escasos entre finalidades alternativas se acada mediante a competencia perfecta, entendida como unha estrutura de mercado caracterizada por un produto homoxéneo, producido por un gran número de empresas que non poden influír no prezo, cunha tecnoloxía uniforme e con liberdade de entrada.
-
mercado aberto
Mercado de crédito en que non intervén o elemento de solvencia persoal, senón o valor obxectivo dos títulos. A bolsa de valores é o típico mercado aberto. As denominadas operacións de mercado aberto son un importante instrumento de política económica que teñen como finalidade controlar a cantidade de diñeiro que existe no país.
-
mercado bolsista continuo
Tipo de mercado de valores en que se introducen as ordes de compra e venda no sistema informático durante a xornada bolsista e permite realizar o cruzamento de operacións entre as distintas bolsas de valores de forma sincronizada.
-
mercado de crédito
Organización institucional formada por todas as operacións de crédito. Distínguense dous tipos básicos de mercados de crédito de acordo co período de duración dos créditos: o mercado de diñeiro, formado polos préstamos bancarios a curto prazo en que se establece o tipo de desconto como o prezo do diñeiro, e o mercado de capitais, composto polos créditos a longo prazo.
-
mercado de futuros
Mercado en que se fan transaccións cos contratos de compra e venda, nunha data de futuro e a un prezo especificado. Pode ser de materias primas, mercado de futuro de mercadorías, e de divisas ou títulos bolsarios, mercado de futuros financeiros. A súa finalidade é protexer os compradores e os vendedores das flutuacións imprevistas no prezo dunha mercadoría, e aos inversores das flutuacións nos tipos de xuros ou nas cotizacións de divisas e valores.
-
mercado de opcións
Mercado de produtos financeiros derivados, como materias primas ou produtos financeiros, onde son negociados os contratos de opción de compra ou de venda dun ben económico ou indicador, sexa actual ou futuro, ata unha data concreta ou futura, a un prezo fixo e con liquidez asegurada. É un mercado organizado, semellante ao de futuros, e permite a cobertura de riscos.
-
mercado de valores
bolsa de valores.
-
mercado hipotecario
Mercado de préstamos hipotecarios xa formalizados e en que as entidades de crédito ofrecen os seus dereitos de acredores, antes do seu vencemento, para conseguir un novo financiamento e os demandantes invisten nestes activos, que son garantidos polas hipotecas. Normalmente as entidades prestameiras emiten títulos hipotecarios (cédulas, bonos, participacións) que son postos en circulación no mercado e que poden ser transmitidos posteriormente e cotizados en bolsa.
-
mercado interbancario
Segmento do mercado monetario dun estado, onde negocian estritamente as entidades bancarias para ofrecer os seus excedentes líquidos de tesouraría e colocalos, ou para pedir diñeiro a curto prazo (desde un día ata prazos diversos). A finalidade é cubrir as súas necesidades de tesouraría e tamén responder ás esixencias do banco central sobre liquidez.
-
mercado interior europeo
Espazo económico sen barreiras interiores, que constitúe o mercado interior da Unión Europea desde 1993. O seu obxectivo é reestruturar as empresas e reforzar a súa competitividade.
-
mercado negro
Intercambio ilegal ou clandestino de mercadorías, que teñen unha circulación prohibida ou racionada.
-
s
m
-
s
m
[ECON]
Conxunto de compradores ou consumidores potenciais dun produto.
Ex: Realizaron un estudo de mercado para a nova bebida.
Refráns
- Moitos van ao mercado e cada un ca seu coidado.
- Quen anda de mercado en mercado, un atoparao bo e outro malo.