Mérida
Municipio da provincia de Badajoz e capital de Extremadura (50.271 h [2001]). Situado á beira do río Guadiana, é un mercado agrícola e gandeiro, e posúe industrias cárnicas, de rollas, azucreiras, alimentarias e metalúrxicas, aínda que tamén destaca como nó ferroviario. Foi fundada polos romanos, coa categoría de colonia, en 25 a C co nome de Emerita Augusta. Foi capital da provincia de Lusitania e converteuse nunha das cidades máis grandes da Península Ibérica, que mantivo a importancia durante a época visigótica pero perdeu categoría de centro urbano destacado coa invasión islámica. Tras a caída do Califato de Córdoba (1031) perdeu a capitalidade da provincia en favor de Badajoz. En 1228 Afonso VIII reconquistouna e entregouna en calidade de señorío ao arcebispo de Santiago de Compostela, que a cedeu á orde de Santiago (1234), baixo os estatutos da que permaneceu ata a incorporación das ordes á Coroa de Castela. En 1300 concedéuselle o privilexio ferial e desde entón mantivo a súa importancia por formar parte dunha das rutas de trashumancia da mesta. Conserva un importante patrimonio cultural, cun notable número de monumentos romanos como o circo, o teatro, o anfiteatro, as termas, a ponte sobre o río Guadiana, o acueduto de Los Milagros, o templo de Diana ou o arco de Traxano, todos eles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) en 1913. Tamén son importantes a casa del Mitreo (BIC, 1990) e a casa del Anfiteatro (BIC, 1991). En 1986 inaugurouse o Museo Nacional de Arte Romano (BIC, 1962). Da arquitectura relixiosa destacan o convento de San Andrés (BIC, 1992) e a igrexa de Santa Eulalia (BIC, 1913). O conxunto arqueolóxico de Mérida foi declarado Patrimonio da Humaninade pola UNESCO en 1993.