Meseta, La
Unidade xeoestrutural da Península Ibérica basculada cara ao O. Ten unha superficie duns 210.000 km2 e unha altitude superior aos 600 m. Limita ao N coa Cordilleira Cantábrica, ao L co Sistema Ibérico, ao S con Sierra Morena e está aberta ao O. Dividida en dous sectores polo Sistema Central, os Montes de Toledo ocupan a Submeseta Sur. Xeoloxicamente, trátase dun antigo macizo herciniano afectado polo dobramento alpino e recuberto por materiais sedimentarios do Terciario e Cuaternario. A rede hidrográfica está formada polos ríos Duero, Tajo e Guadiana, como principais colectores. O clima ten unha marcada continentalidade, con veráns calorosos e secos e invernos moi fríos, longos e con precipitacións escasas, a excepción da parte occidental. A vexetación mediterránea é a dominante aínda que degradada pola aridez e a acción do home.