Mesopotamia

Mesopotamia

Rexión do O de Asia comprendida entre o Tigris e o Éufrates. Está dividida en dúas partes, a sur, historicamente máis importante, que se estendía por Iraq, e a norte, por Siria e Turquía. Está limitada ao N polas montañas de Armenia, ao SL polo Golfo Pérsico, ao L polo sistema montañoso de Zagros e ao O polo deserto de Siria.
As orixes: os períodos prehistórico e protohistórico
A historia de Mesopotamia documentouse entre 10000 a C e 637, data da conquista musulmá. O período máis importante situouse entre 3100 e 538 a C, durante o que foi berce das civilizacións sumeria, babilónica e asiria. Pola súa excelente posición xeográfica e a súa riqueza agrícola, foi cobizada por tribos nómades como os guti, amoritas, hurritas, casitas e arameos. Durante o período prehistórico (10000-3100 a C), o N de Mesopotamia contou cos xacementos e as culturas máis antigas: Jarmo, onde para moitos prehistoriadores se iniciou a Revolución Neolítica; as culturas de Samarra e a de Tall Halaf, que se desenvolveu desde o xacemento que lle dá nome ata o Mar Mediterráneo. No S tivo lugar a cultura de Al-’Ubayd (4300-3500 a C), en que se documentou o uso de ladrillos e metal para a construción, e a ceramica monocroma. Durante a protohistoria (3100-2700 a C), o N estancouse mentres que no S tiveron lugar unha serie de transformacións fundamentais: na cultura de Uruk IV apareceu por vez primeira a escritura, ideográfica, xurdiron a estatuaria e o relevo e desenvolveuse a glíptica; e na de Palatino; Palatino;Ǧ amdat Na Palatino; ṣ r comezou a construción de palacios. Ambas as dúas estendéronse ao N e a Siria.
O período histórico: a aparición dos semitas e sumerios
No inicio do período histórico (2700 a C), Mesopotamia poboouse por semitas e sumerios, derradeira cédula política básica do período das cidades-estado, a maioría delas radicadas no país de Sumer (Eridú, Ur, Uruk, Larsa ou Lagaš). A dinastía máis antiga foi a I de K ǐ s (2700 a C?), semita, con dous soberanos históricos, Enmebaragisi e Agga, que loitou conta Gilgameš. Máis coñecida foi a I de Ur (2575?-2460 a C), fundada por Mesannipadda e á que pertencen as tumbas reais, que amosan un alto nivel técnico. Coetánea é a dinastía de Lagaš (2540?-2371 a C). A dinastía III de Uruk (2371?-3247 a C) contou cun só soberano, Lugalzaggisi, que unificou por primeira vez o país de Sumer, aínda que foi derrotado por Sargón I de Acad. A dinastía de Acad (2371-2191 a C), constituíu o primeiro exemplo de hexemonía semítica sobre os sumerios. Os dous soberanos máis importantes foron Sargón I de Acad o Grande (2371-2316 a C), o seu fundador, quen derrotou a Sumer, Subartu e Elam; e Narām-Sin (2291-2255 a C), quen venceu aos pobos do altiplano iraniano. Á súa morte, a dinastía iniciou a súa decadencia e desapareceu despois dos ataques dos guti, que non reinaron sobre un país unificado, posto que, paralelamente, existiron a dinastía IV de Uruk e a de Lagaš, que tivo como xefe principal a Gudea. A dinastía III de Ur (2113-2006 a C) unificou Mesopotamia, aumentou o poder do rei, que foi divinizado, e desenvolveu a burocracia e a economía. O fundador foi Ur-Nammu (2113-2096 a C), autor do códice de leis mesopotámicas máis antigo que se coñece. O seu fillo Šulgi (2095-2048 a C) expandiu a dinastía, que controlou Mesopotamia e parte de Elam. Durante o reinado de Ibbi-Sin (2029-2006 a C), comezou a penetración dos amoritas, pobo do NO que puxo fin á dinastía. A partir dese intre produciuse un período de fragmentación política, cun gran número de dinastías secundarias no S, unha importante no N, a de Šamši-Adad I (1813-1781 a C) de Asiria, que se prolongou desde 1813 ata 1740; e tres de igual importancia no S, a de Isin (2017-1794 a C), a de Larsa (2025-1763 a C) e a de Ešnunna (2006?-1750 a C). A dinastía I de Babilonia (1894-1595 a C) reunificou novamente Mesopotamia e chegou ao cume do seu poder con Hammurabi (1792-1750 a C). Este período caracterizouse polo reforzamento do poder real e a centralización. Durante o reinado de Samsuditana (1625-1595 a C), o hitita Muršiliš I conquistou Babilonia e puxo fin á dinastía. Os casitas, pobo rural do Zagros, aproveitaron o baleiro que se produciu e establecéronse en Babilonia e no S do país. A dinastía, fundada por Gandaš ou Gaddaš, tivo poucos soberanos notables.
O Imperio Asirio
Asiria, que ata ese intre tivera un papel de segunda orde, iniciou no s XIV a C unha recuperación que a levou, con períodos de decadencia e de apoxeo, ao imperio dos ss VIII-VII a C. Adad-nīrāri I (1305-1274 a C) e Salmanasar I (1273-1244 a C) estenderon o poder asirio, pero o soberano máis importante foi Tukulti-Ninurta I (1244-1208 a C), quen conquistou Babilonia a Khastiliaš IV (1235 a C). Unha revolta casita levou ao trono babilónico a Adad-šuma-usur (1218-1189 a C), que se independizou de Asiria. Entre 1217 e 1134 a C o Imperio Asirio viviu un período de crise, mentres que Babilonia se recuperou grazas a Melišipak (1196-1182 a C), fundador dunha segunda dinastía casita de curta duración posto que durante o reinado de Enlil-nadik-akhi (1159-1157 a C) o elamita Kutir-nahhunte ocupou o país e púxolle fin. O interregno elamita en Babilonia rematou coa ascensión ao poder de Nabucodonosor I (1124-1103 a C), da dinastía II de Isin ou V de Babilonia (1156-1025 a C). Ao N, Asiria non se recuperou ata o reinado de Teglatfalasar I (1115-1077 a C), pero decaeu de novo á súa morte (1076-935 a C). Os arameos, pobo semita do Próximo Oriente, aproveitando a debilidade mesopotámica e desprazados polas invasións dos pobos do mar, establecéronse no S (1074?-932 a C). A comezos do s IX, Asiria recuperouse grazas a Assurnasirpal II (883-859 a C) e Salmanasar III (858-824 a C). Adad-nīrāri III (809-782 a C) sucedeu a Samši-Adad V (823-810 a C) e impuxo tributos ás cidades fenicias, Israel e Damasco. Deste xeito, comezou a formación do Imperio Asirio que, creado por Teglatfalassar III (745-727 a C), respondeu ás ansias expansionistas dun pobo guerreiro, que conseguiu o seu poder grazas ás campañas anuais, á brutalidade dos seus métodos de guerra e á política de deportar en masa as poboacións. Salmanasar V (727-722 a C) sucedeu a Teglatfalasar III, pero o seu irmán Sargón II de Asiria depúxoo e fundou a dinastía que leva o seu nome. Senaquerib (704-682 a C) conquistou e destruíu Babilonia (689 a C) e o seu fillo, Assarhaddon (680-669 a C) reconstruíu a cidade. Asurbanipal (668-629 a C) foi o derradeiro rei importante de Asiria.
A dinastía caldea ou neobabilónica
Durante o reinado de Sin-šar-iškun (628-612 a C) o caldeo Nabopolasar (625 a C) conquistou Babilonia, o medo Ciaxares conquistou Assur (614 a C) e xuntos, Nínive (612 a C). A creación da dinastía caldea ou neobabilónica (626-538 a C) significou o triunfo dos arameos, establecidos no país desde o s XI a C. Fundada por Nabopolasar (626-605 a C), que se enfrontou aos exipcios pola posesión de Siria, controlou Mesopotamia, Siria-Palestina e parte de Arabia. Nabucodonosor II (605-562 a C), o monarca máis importante da dinastía, conquistou Xerusalén (598 a C), feito que se repetiu en 586 a C, e deportou nesa ocasión aos xudeus. O derradeiro soberano, Nabonid (556-539 a C) enfrontouse ao persa Ciro II o Grande, que o derrotou, conquistou Babilonia e puxo fin á dinastía. Os aqueménidas mostráronse moi respetuosos cos costumes e a relixión do país, feito que non impediu varias revoltas. A dominación persa sobre Mesopotamia rematou coa vitoria de Alexandre o Grande sobre Darío III na Batalla de Gaugamela (331 a C).
O período seléucida e parto
En 312 a C, Seleuco I, fundador da dinastía seléucida, conquistou a rexión a Antígono Monóftalmos. O período seléucida ou grego (331-140 a C) caracterizouse pola construción dun gran número de vilas, das que destaca Seleucia, preto de Babilonia. Mitridates I (174-136 a C), rei dos partos, conquistou Babilonia aos seléucidas (140 a C) e construíu a súa capital, Ctesifonte, preto de Seleucia. Esta época caracterizouse polas continuas loitas do pobo parto con Roma, na fronteira situada no Éufrates. Os sasánidas, iranianos como os partos, apoderáronse de Mesopotamia en 224, despois da vitoria do Rei Ardašir I (224-241) sobre Artaban IV. Mantiveron a administración territorial parta, herdada dos imperios anteriores, que a adoptaran dos asirios e babilónicos. Recuperada Mesopotamia polos sasánidas no s IV, no s VI perdérona cando Hormizd IV a cedeu ao bizantino Mauricio (582-602). Pouco despois, Cosroes II de Persia (590-628) recuperouna de mans de Focas, pero en 627, Heraclio (610-641) derrotouno preto de Nínive. En 637, os árabes conquistaron a rexión aos sasánidas despois da Batalla de Qādisiya.