Messina
Capital da provincia homónima, situada no NL da illa de Sicilia, Italia (236.621 h [2001]). A cidade emprázase, en forma de anfiteatro, sobre unha baía do estreito de Messina. A actividade do seu porto, noutros tempos importante, redúcese ao transporte de viaxeiros á península. Antiga Zancle, fundada por piratas de Cumas, pasou ao poder dos samnitas e, no s V a C, dos mesenios, que lle deron o nome actual. En 289 a C, foi conquistada polos marmetinos, que na loita contra os cartaxineses, pediron axuda aos romanos, que tomaron a cidade e se converteron nos seus aliados. Dominada desde 468 polos vándalos e, posteriormente, polos ostrogodos, foi conquistada (531) por Belisario. Dominada polos árabes (842) e polos normandos (1061), en 1282 tomou parte nas Vésperas Sicilianas. Do seu patrimonio cultural destacan a necrópole romana (ss II-III) e diversos templos cristiáns, a catedral a igrexa da Annunziata dei Catalani (s XI) e a de Santa Maria la Cattolica, situada sobre un panteón.