meteorito
(< meteoro)
Sólido do medio interplanetario, xeralmente de pequeno tamaño, que penetra na atmosfera da Terra, a unha gran velocidade (de 11 a 74 km/s). Ao atravesala, quéntase a causa do rozamento co aire, as moléculas do aire absorben parte da calor que desprende e pasan a un estado excitado ou ben ionízanse. Ao tornar as moléculas de aire ao seu estado fundamental emiten luz visible. A traxectoria do meteorito delátase polo trazo luminoso e polo rastro de moléculas excitadas que orixina ao seu paso. Este rastro luminoso, popularmente coñecido por estrela fugaz, é un meteoro. A maioría dos meteoritos que penetran na atmosfera volatilízanse antes de chegar á Terra, xa que a súa supervivencia depende da masa; así, os de masa inferior aos 10-7 g non se volatilizan e incorpóranse á atmosfera como partículas en suspensión, e os de masa comprendida entre 10-7 g e 103 g fano ao percorrer a atmosfera. Os de masa superior a 1kg chegan a alcanzar a superficie da Terra, despois de orixinar un espectacular meteoro denominado bólido. Os grandes meteoritos, de máis de 1.000 t, non experimentan unha diminución apreciable da súa enerxía ao atravesar a atmosfera: a consecuencia do impacto coa superficie orixínanse grandes cráteres, denominados astroblemas. Os meteoritos clasifícanse en sideritos, aerólitos e siderólitos (ou litosideritos). Os sideritos están compostos, principalmente, de ferro (~ 91%) e níquel (~8%) e subdivídense en octaedritos, hexaedritos e ataxitos, segundo o contido en níquel. Os aerólitos están compostos principalmente de silicatos e subdivídense en condritos e acondritos, segundo conteñan ou non cóndrulos. Os siderólitos ou litosideritos teñen unha composición intermedia entre a dos sideritos e a dos aerólitos, e un tipo raro de meteorito, pero constituído polos condritos carbonáceos. Segundo a orixe dos meteoritos distínguense dous tipos: os que están fragmentados en asteroides que vagan polo medio interplanetario e dan lugar aos meteoritos esporádicos, e os que forman parte do rastro dun cometa, que dan lugar ao enxame de meteoros.