meteoro

meteoro

(< lat meteōru < grμετέωρος ‘elevado no aire’)

  1. s m [METEOR]

    Fenómeno físico que se produce na atmosfera e que caracteriza o tempo. Clasifícanse en meteoros aéreos, que están relacionados cos ventos; acuosos, que se deben á condensación, á precipitación e á conxelación do vapor de auga atmosférico (néboa, nubrado, chuvia, orballo, xeada); luminosos, que se deben a fenómenos ópticos de reflexión, refracción ou difracción dos raios de Sol (arco da vella) e eléctricos, que se producen pola carga eléctrica atmosférica (raios, tronos).

  2. s m [ASTRON]

    Fenómeno luminoso que se pode observar no firmamento e que se orixina cando un meteoroide entra na atmosfera terrestre, e que popularmente recibe a denominación de estrela fugaz. Os meteoros máis correntes aparecen como un punto luminoso que se move entre as estrelas ata que se apaga dunha maneira máis ou menos brusca. Nalgúns casos, o meteoro deixa un rastro luminoso que pode permanecer no firmamento durante un certo tempo, e pode ser de cor branca, verde, vermella ou amarela. Nos casos en que os rastros son persistentes, os meteoros adoitan ir acompañados de ruídos característicos. Nunha noite clara son visibles de 2 a 10 meteoros por hora e a súa distribución polo firmamento é ao azar (meteoros esporádicos). En certas épocas do ano o número de meteoros por hora pode chegar ao centenar, e a maioría proveñen dunha mesma rexión do firmamento; neste caso coñécese popularmente como chuvia de estrelas.

Palabras veciñas

meteorito | meteorización | meteorizar | meteoro | Meteoro, El | meteoro- | meteorografía