2 metro
(< apócope de [tren] metropolitano)
Ferrocarril con tracción eléctrica que está destinado ao transporte rápido de viaxeiros polo interior dunha cidade. A súa aplicación limítase esencialmente a grandes cidades ou conurbacións de máis dun millón de habitantes, en que a alta capacidade de transporte xustifica os gastos da instalación. O percorrido é xeralmente subterráneo ou elevado por viadutos, para non interromper o tráfico habitual urbano. As estacións están situadas a pouca distancia unhas das outras, e establécese unha rede de liñas enlazadas por estacións de correspondencia. Circulan desde a lanzadeira dunha cabeceira ata outra liña, moi preto un dos outros, cunha frecuencia moi elevada e cunha velocidade máxima que oscila entre os 60 e 80 km/h. Para eliminar vibracións empréganse carrís soldados que se colocan sobre bases de goma, rodas con pneumáticos, engrenaxes silenciosas e suspensións pneumáticas, ao que se une a insonorización dos túneles e as estacións con revestimentos axeitados. A maior parte dos metros empregan o ancho de vía internacional (1.435 mm), excepto nos países da CEI, que empregan o ancho de 1.524 mm. O primeiro metropolitano foi o de Londres, construído en 1863, con tracción de vapor, que se converteu en 1890 no primeiro electrificado. O primeiro de España foi o de Madrid, que se inaugurou en 1919.