Mi Tierra

Mi Tierra
[PUBLIC]

Revista quincenal publicada en Ourense a partir de xullo de 1911, e que cesou no nº3. Co subtítulo “Revista gallega”, foi fundada e dirixida por Uxío López Aydillo, e xestionada por Xerardo Álvarez Limeses. Definiuse como unha publicación literaria e ilustrada, centrada na cultura e na vida galegas. Incluíu información gráfica de actualidade, da man de Xosé Pacheco, e contou coas colaboracións de Ramón Fernández Mato, A. Noriega Varela, Vicente Risco, autor dun importante artigo titulado “De literatura gallega. De los precursores a los contemporáneos”; Antón Villar Ponte ou Castelao, quen publicou diversas caricaturas e debuxos. Segundo algúns estudos, ademais da súa relación co agrarismo, esta revista serviu como nexo de unión entre varios dos que posteriormente conformaron a revista Nós.

Palabras veciñas

mi rāb* | Mi rātah | Mi Tierra | Mi Tierra | 1 mi(io)- | 2 mi(o)- | Miaja Menant, José