Micenas
Cidade antiga de Grecia, situada na rexión de Argólida, no Peloponeso, no cruzamento de dous montes que dominaban a chaira baixa do Ínaco. Foi famosa polas xestas dos membros da casa real dos Atreo, entre elas, o cerco e saqueo de Troia por Agamemnon como rei e señor dos xefes gregos. Existiu xa desde o 2000 a C e foi a cidade máis importante da Grecia continental entre 1600 e 1200 a C, momento en que, por motivos descoñecidos, foi destruído o palacio real. H. Schliemann (1874-1876) descubriuna arqueoloxicamente e comprobou que a cidade tiña dúas partes, a acrópole e a cidade baixa. A acrópole tiña forma triangular e ocupaba a parte superior dun cerro rodeado de murallas ao que se accedía a través da Porta dos Leóns. Contiña o palacio real, diversas casas e as tumbas reais circulares. Extra muros, na vertente inferior, estendíase a cidade baixa e unha serie de tumbas, e as máis monumentais, como a de Clitemnestra, presentaban o tipo tholos e unha bóveda de falsa cúpula.