Michaëlis de Vasconcelos, Carolina Wilhelma

Michaëlis de Vasconcelos, Carolina Wilhelma

Filóloga. De formación autodidacta, estudou linguas clásicas, románicas, eslavas e semíticas, aínda que se interesou especialmente polas románicas, primeiro polo francés e provenzal antigos e despois polo castelán, catalán e portugués, e mantivo correspondencia con romanistas como Diez, Ascoli ou Gaston Paris. Con 16 anos publicou o seu primeiro estudo, unha recensión crítica a un traballo de Mussafia sobre a métrica antiga portuguesa e, en 1871, unha nova edición do Romancero del Cid, coa incorporación de novos romances. En 1872 foi nomeada intérprete oficial do Ministerio de Interior alemán para os asuntos da Península Ibérica e, nese mesmo ano, con motivo da súa tradución do Fausto ao portugués, entrou en contacto co crítico de arte Joaquim de Vasconcelos. Desde entón a lingua e literatura portuguesa convertéronse no centro das súas investigacións, sen deixar de lado as outras linguas románicas. En 1911 concedéronlle a cátedra de Literatura Alemá na facultade de Letras de Lisboa, pero nese mesmo ano trasladouse á de Coimbra. A súa obra acolleu, sobre todo, temas literarios, filolóxicos e lingüísticos. O seu traballo literario centrouse no estudo de autores portugueses renacentistas, como Sá de Miranda, Garcia de Resende, Camões e Gil Vicente.   Así, neste campo, publicou Poesias de Francisco Sá de Miranda (1885), Vida e obra de Luís de Camões (1897), Notas vicentinas (1912), Autos portugueses de Gil Vicente (1922) e, postumamente, Poesia peninsular. Estudo seguido de quarenta cartas dirigidas a Alfredo Pimenta (1931). Outro tema que lle interesou foi o dos romances tradicionais; ela contribuíu ao seu coñecemento en varios artigos , entre eles “Estudos sobre o romanceiro peninsular. Romances velhos em Portugal” (en Cultura Española). No ámbito da filoloxía e da lingüística, as súas investigacións   orientáronse cara aos autores e as obras medievais. Ademais dos estudos publicados en alemán como Studien zur romanischen Wortschöpfung (Estudos sobre a formación de palabras en romance, 1876) e Portugiesische Sprache (1891-1894), publicou en portugués Fragmentos etimológicos (1894) e realizou a edición do Cancioneiro da Ajuda (1904), obra fundamental para o estudo da lírica medieval galego-portuguesa que inclúe no vol I a edición crítica, texto e formas estróficas e no vol II, investigacións biográficas e bibliográficas, que despois foi completado co “Glossário do Cancioneiro da Ajuda”, publicado na Revista Lusitana (vol XXIII) e, en separata, en 1921, e as numerosas “Randglossen zum alportugiesischen Liederbuch” (Notas marxinais ao Cancioneiro galego-portugués, 1896-1905). Tamén destaca a obra Lições de filologia portuguesa segundo as prelecções feitas aos cursos de 1911-1912 e de 1912-1913 (e de 1917-1918), seguidas das Lições práticas de português arcaico (1913). Foi doutora honoris causa   polas universidades de Friburgo (1893), Coimbra (1916) e Hamburgo (1923) e, en 1911, ingresou na Academia das Ciências de Lisboa.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Berlín

  • Deceso

    Lugar : Porto