micorriza
(< mico- + -riza)
Estrutura composta pola asociación simbiótica, moitas veces específica, entre as hifas que conforman o micelio do fungo e as raíces de plantas. O fungo conforma unha rede de hifas arredor da raíz da planta co que se facilita a captación de nutrientes ou minerais (como fósforo, cobre, cinc, nitróxeno, calcio e xofre). A planta achega azucres procedentes da fotosíntese e un contorno que protexe do ataque de patóxenos ao fungo. A micorriza axuda ao crecemento e desenvolvemento das plantas ao favorecer a absorción de auga e de nutrientes. Existen dous tipos de micorrizas: a endomicorriza, en que o fungo medra dentro e fóra das células vivas das raíces formando vesículas e ramificacións denominadas arbúsculos que conteñen os nutrientes que aproveitan as plantas; e a ectomicorriza, en que a maior parte do micelio do fungo forma un manto arredor dos tecidos superficiais das raíces, observándose hifas entre as células pero non dentro delas.