minoico -ca
(< antropónimo Minos)
-
adx
Relativo ou pertencente á Creta antiga, á súa civilización ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante da Creta antiga.
-
s
m pl
[HIST]
Civilización prehelénica de Creta (2700-1100 a C). Recibiu esta denominación en memoria do lexendario rei Minos e o seu coñecemento centrouse no estudo dos palacios como o de Cnossos, Faistos, Hagia Tríada e Malia. Foi estudada por A. J. Evans a principios do s XX. O proceso histórico dividiuse en tres fases: minoico antigo (2700?-2000 a C), minoico medio (2000?-1550 a C) e minoico recente (1550?-1100 a C), e cada unha foi dividida, á súa vez, en tres etapas. O momento de máximo esplendor produciuse entre 2000 e 1600 a C, cando Creta foi conquistada polos micénicos. Os palacios indican que a illa estaba dividida en diversos reinos, dedicados á agricultura, ao comercio marítimo e aos oficios. Tivo un sistema propio de escritura xeroglífica, que derivou despois no lineal A e finalmente no lineal B e unha arte notable, preludio da arte grega clásica.
-
s
m
[LING]
Lingua que atesouran os documentos en escritura lineal A cretense encontrados en Creta e noutras illas do mar Exeo. A súa lectura foi posible grazas á adaptación que se fixo deste sistema gráfico para anotar a lingua grega na época micénica. Parece que non facía distincións entre fonemas xordos, sonoros e aspirados, nin tampouco entre l e r e posuía, en contra, unha serie de fonemas labializados e palatalizados. Observouse tamén unha tendencia moi marcada ás sílabas abertas e unha preferencia estatística polas vogais a, i e u, feito que fai supoñer que o seu triángulo vocálico só tiña as tres posicións extremas.
-
arte minoica
[ARTE]
Arte desenvolvida na illa de Creta entre 2600 a C e 1400 a C. A cultura minoica dividiuse en tres fases, en función da realización da súa principal construción, o palacio: prepalaciana (2600-1900 a C), protopalaciana (1900-1700 a C) e neopalaciana (1700-1400 a C). Os palacios estrutúranse ao redor dun patio central. ;Son arquitrabados con columnas de fuste liso, máis ancho na parte superior ca na base. En pintura destacaron os frescos que decoraban os palacios e en escultura as pequenas figuras. A cerámica pintouse primeiro con motivos xeométricos e despois con vexetais e animais.