miñoca

miñoca
  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Nome co que se coñece a diversos xéneros de anélidos da familia dos lumbrícidos (oligoquetos terrestres), de corpo longo e cor avermellada, que viven na terra en lugares húmidos. Entre os máis comúns, presentes en Galicia, están os xéneros Octalasium, Lumbricus, Allolobophora e Eiseniella. Teñen o corpo longo e, cilíndrico, que se adapta moi ben á súa vida subterránea. Fan galerías e aliméntanse das partículas orgánicas da terra que engolen en gran cantidade, de tal xeito que levan a cabo unha dobre misión en beneficio do condicionamento do solo: esponxamento mecánico por unha banda, que fai que sexa máis permeable aos gases, aumentando a súa aireación, e enriquecemento químico por outra, xa que a terra que pasou polos seus tubos dixestivos incorpora o nitróxeno anteriormente presente na materia orgánica edáfica. OBS:Tamén se denomina lombriga.

    2. miñoca de terra [Lumbricus terrestris, Fam dos lumbrícidos]

      erme anélido oligoqueto endóxeo, de corpo alongado e segmentado, que posúe preto de 150 aneis e que se caracteriza por formar entre os segmentos 32 e 37 o clitelo, pola acción de glándulas mucosas. O casulo onde ten lugar a fecundación e maduración dos ovos é de 7 x 5 mm, e madura no solo.

  2. s f [ANIMAL]

    coca de area.

  3. s f [ANIMAL]

    erme anélido poliqueto de vida errante, moi común nas areas das praias. A parte anterior do corpo caracterízase pola fusión de varios segmentos sobre os que se sitúan catro ollos, dúas antenas, catro palpos e catro cirros, e pola existencia dunha trompa evaxinable con fortes mandíbulas. O corpo é segmentado e posúe parápodos que permiten o seu desprazamento. Miden ata 12 cm de lonxitude, e viven na zona litoral media ou inferior, entre area ou fango. Son depredadores doutros animais e tamén comen algas.

  4. s m pl

    Home de pouca valía.

    Ex: Non sei como se puido namorar dese miñocas.

Frases feitas

  • Andar á miñoca. Andar alguén moi mal de cartos.

  • Casar á miñoca. Casar sen ter posibilidades de manterse ou lugar onde vivir.

  • Estar/quedar (delgado) coma

  • unha miñoca. Estar/quedar unha persoa esaxeradamente delgada.

  • Vivir á miñoca. Vivir nunha pobreza extrema.

Palabras veciñas

Miño, El | Miño, El | Miño, esteiro do | miñoca | Minoca, A | miñoeira | minoico -ca