Miranda Ruiz, Xosé

Miranda Ruiz, Xosé

Escritor. Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela (1978). Ligado desde a súa adolescencia á poesía, a partir de 1988 dedicouse á escrita de relatos e novelas para adultos. Co tempo especializouse en literatura de tradición oral e colaborou con Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba. Froito desa colaboración tirou do prelo Contos marabillosos (1998 e 1999), Dicionario dos seres míticos galegos (1999), Contos de maxia (2000), Pequena mitoloxía de Galicia (2001), Contos fantásticos (2001), Contos colorados (2001), Contos de animais (2001), Cando os animais falaban: cen historias daquel tempo (2002), Contos de encantamento (2002) e Contos prodixiosos (2004). No campo da literatura infantil destacan Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000) e Feitizo (2002). Preocupado por unha narración clara e sinxela para o lector, onde os elementos fantásticos se integran con naturalidade no cotián, das súas novelas e libros de relatos cómpre salientar Historia dun paraguas azul (1990, Premio de Novela Manuel García Barros), A biblioteca da iguana (1994), A tres bandas (1995), A neve e a cadeira (1994), O demo á orella (1996),   Morning Star (1998, Premio Xerais de Novela 1999), Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), Ariadna (2002) e Pel de lobo (2002, Premio Merlín). No apartado poético salientan Sonetosfera (1996), Andantes e viaxeiros (1996, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1995), Carozo azul (1997), Permiso para o corso (1997, Premio Esquío 1996) e As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2003) (2003).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Lugo