mortalidade

mortalidade

(< lat mortalĭtāte)

  1. s f

    Calidade de mortal.

    Confrontacións: mortaldade.
  2. s f [DEMOG]

    Relación do número de defuncións contabilizadas en períodos anuais. É un fenómeno demográfico caracterizado por ser inevitable, non repetible e irreversible, por estar relacionado co falecemento dos membros dunha poboación. A información estatística procede dos rexistros civís, está recollida nos rexistros de movemento natural. Os Boletíns Estatísticos de Defunción recollen algunhas variables demográficas básicas do falecido (no caso de España: sexo, data de nacemento, data de defunción, concello de residencia, estado civil, profesión e nacionalidade), así como as causas que provocaron a morte. A información sobre este suceso é aínda bastante incompleta en moitos países con escaso nivel de desenvolvemento, porque os falecidos non se inscriben, ou fano mal ou con retraso, debido ás dificultades para facelo, á non dispoñibilidade de rexistros civís próximos ou á simple ignorancia. Deste xeito as comparacións internacionais fanse complicadas e non sempre son moi fiables. Para medir a mortalidade empréganse diferentes taxas. A máis doada e aplicada é a taxa bruta de mortalidade, que se calcula relacionando o total de falecidos nun ano nun territorio determinado coa poboación existente nese mesmo territorio na metade dese ano (estimación feita sumando a poboación existente a comezos do ano coa existente a finais dese mesmo ano e dividíndoa por dous). O cociente resultante exprésase normalmente en tantos por mil. Este índice conta cun inconveniente relacionado coa estrutura por idade da poboación estudada, de xeito que, un territorio con moitos vellos pode ter unha taxa bruta de mortalidade superior a outro cunha estrutura demográfica moi nova, a pesar de que o primeiro pode ter unhas condicións sanitarias moito máis desenvolvidas. Para eliminar esta distorsión pódense empregar outros indicadores, como a esperanza de vida ao nacer, que indica a duración media que tería a vida das diferentes persoas dunha determinada poboación se se repartisen entre todos os anos de vida dese conxunto de persoas; ou tamén a taxa de mortalidade infantil, que relaciona o número de falecidos menores dun ano co total de nacementos que teñen lugar nun ano determinado. Se se consideran o conxunto de causas de morte fálase de mortalidade xeral. Se as causas son debidas a unha anormalidade no parto, malformacións internas ou ao avellentamento trátase de mortalidade endóxena, e se derivan do medio (enfermidades infecciosas, accidentes), de mortalidade esóxena. Outras definicións de mortalidade fan referencia ao momento en que se produce; a intrauterina é a que ten lugar antes do parto, a neonatal durante o primeiro mes de vida, e a pos-neonatal, entre o primeiro mes e o primeiro ano de vida. A probabilidade de morte de cada individuo depende das súas características biolóxicas e das condicións en que se desenvolve a súa existencia ou modos de vida. En calquera poboación en que non se producisen circunstancias excepcionais, estatisticamente, a probabilidade de morte descende nos primeiros anos de vida para ir aumentando a partir dos 10-14 anos de forma progresiva coa idade. Ademais, a probabilidade de morte é maior en todas as idades para os homes. A bioloxía parece incidir neste feito, pero tamén as condicións de vida que en todas as sociedades diferenza a homes e mulleres. A maior proporción de masculinidade na actividade laboral así como nalgúns hábitos como o alcoholismo e o tabaquismo, de forte incidencia na mortalidade, son as causas sociais que complementan os aspectos biolóxicos da sobremortalidade masculina. A mortalidade varía tamén de acordo con distintas circunstancias relativas ás condicións de vida dos individuos durante o ano de referencia ao longo dos anos vividos. Os principais compoñentes desas condicións de vida son normalmente a alimentación, a salubridade, o tipo de actividade, o confort climático e a capacidade de defensa fronte ás posibles agresións do medio. En xeral, apréciase unha clara correlación positiva entre o aumento dos niveis de renda e a esperanza de vida, se ben esa relación é moito máis intensa cando eses niveis de renda son moi baixos e os individuos están ao redor dos limiares de supervivencia. Con todo, superados certos niveis, a renda per capita apenas inflúe xa nas variacións da mortalidade. O nivel cultural tamén é outro dos factores diferenciadores da mortalidade. Os estudos comparativos existentes entre grupos socioprofesionais demostran que as melloras en relación coa hixiene, os hábitos alimentarios e a prevención sanitaria, vinculadas a uns determinados niveis de educación, teñen un grande efecto sobre a diminución da mortalidade, e de forma moi especial sobre a mortalidade infantil. A esperanza de vida dos traballadores varía en relación coa actividade profesional, de xeito que aspectos como a prevalencia do esforzo intelectual sobre o físico, unha menor perda de capacidades para o traballo co paso do tempo ou unha xubilación menos brusca, favorecen unha maior lonxevidade. Os progresos da medicina e das condicións sanitarias das poboacións son o principal factor do aumento da esperanza de vida nos países sen mortalidade catastrófica. Unha rápida diminución da mortalidade infantil fai elevar de forma moi considerable o indicador da esperanza de vida ao nacer. Os avances da ciencia en relación coa alimentación e a saúde tiveron efectos espectaculares sobre a maior parte da mortalidade esóxena, ou debida a causas externas (enfermidades infecciosas), pasando a mortalidade de causas endóxenas (enfermidades conxénitas e dexenerativas) a absorber unha gran proporción de todos os falecementos nos países máis desenvolvidos. O clima e outros aspectos ambientais actúan tamén como elementos diferenciadores da mortalidade. Aprécianse ritmos estacionais na mortalidade, cun máximo nas latitudes medias entre decembro e febreiro. Entre os grupos de idades máis avanzadas, unhas condicións climáticas máis suaves poden supoñer un certo alongamento das expectativas de vida. Desde o punto de vista galego e da evolución da mortalidade ao longo do s XX, cómpre dicir que durante as dúas primeiras décadas do século mantivéronse as taxas de mortalidade que se arrastraban desde o s XIX (entre 1900 e 1920 estiveron estables entre o 22 e o 21‰, tanto no conxunto galego como nas catro entidades provinciais) e que estaban moi condicionadas pola elevada mortalidade infantil (161‰ e 200‰ en 1900 en Galicia e España, respectivamente) e o retraso na xeneralización á maior parte da poboación dos avances sanitarios e hixiénicos. A partir de 1920 abriuse unha etapa de significativo descenso da mortalidade, que se estenden ata 1960 (9,7‰), intervalo en que se reduciu á metade, de xeito que Galicia pasou a situarse en valores propios de países desenvolvidos, xa por debaixo do 10‰. Entre as causas que permitiron este descenso da mortalidade débese citar un progresivo acceso de amplas capas da poboación á sanidade e unha notable caída da mortalidade esóxena, a debida ao medio. Polo que respecta á evolución da mortalidade do conxunto español, ata 1940 (24,9‰ en 1900; 17‰ en 1940) mantivo unhas taxas máis altas que as galegas, pero desde ese momento e ata 1960 (9,4‰), ambas as dúas tiveron un comportamento moi similar, aínda que foi algo menor a española, ligada posiblemente ao seu maior proceso de urbanización. Durante o decenio 1960-1970 (9,2‰ nese último ano) a taxa continuou reducíndose en Galicia, mais Lugo coñeceu unha leve suba na taxa (10,7‰), motivada pola emigración sufrida ata ese momento, que alterou sensiblemente a súa estrutura por idades, incrementando o avellentamento e, consecuentemente, a mortalidade. Durante a década de 1970 a taxa galega experimentou unha situación de incremento (9,5‰), que foi xeneralizada, agás no caso de Pontevedra (8,6‰), onde continuou a descender e mantivo uns niveis similares aos do conxunto do estado (8,4‰) grazas á estrutura demográfica máis nova. Na década de 1980 produciuse unha certa melloría no comportamento das taxas no conxunto de Galicia (9,1‰), circunstancia en que incidiron varios factores, como o peche da emigración, o retorno de emigrantes, o acceso universal á sanidade e o incremento dos niveis asistenciais. Non obstante, tratouse dunha situación meramente conxuntural e xa durante o último período deuse un novo aumento da taxa (10,2‰), especialmente notable nas provincias máis avellentadas de Lugo e Ourense, que situaron a súa mortalidade preto do 13‰. Neste último período tamén España comezou a mostrar un incremento do índice (8,9‰). A distribución da taxa de mortalidade a nivel municipal en 2001 mostra que tan só unha cuarta parte dos concellos galegos se atopan por debaixo do 10‰, mentres que máis dun 30% superan o 15‰. En xeral, pode afirmarse que o índice medra desde a costa cara ao interior, xustamente ao contrario do que acontece coa natalidade, de xeito que son as provincias de Ourense e Lugo as que presentan unhas taxas máis elevadas. Os índices de mortalidade municipais son unha boa mostra do avellentamento, de xeito que a súa cartografía ofrece unha visión moi clara da existencia dunha Galicia occidental e costeira máis nova fronte á interior e oriental cuns extremadamente altos índices de senectude.

Palabras veciñas

mortadela | mortal | mortaldade | mortalidade | mortalla | Mortaza | morte