Moscovia
Rexión histórica onde se desenvolveu o gran ducado ou o gran principado de Moscova (s XIV) e, máis tarde, o estado ruso. Denominouse Moscovia ata o s XVII. Na súa orixe só comprendía a rexión de Moscova e a parte occidental de Suzdal. No s XIII, Suzdal, atacada polos mongois, dividiuse nunha serie de principados autónomos, entre os que destacou o de Moscova. Era pobre, chea de bosques e rodeada de zonas pantanosas, pero estaba situada nun lugar estratéxico. A súa pobreza salvouna da conquista por parte dos mongois, e este feito atraeu inmigrantes campesiños e mercadores, que fuxían do Volga medio. Os mongois, que lles impuxeron un tributo e que preferiron entenderse cun só responsable da recadación, recoñeceron a preponderancia de Moscova e o título de gran príncipe a Iván (1328). Ao caer Constantinopla (1453), Iván III considerouse o herdeiro do imperio e deixou de recoñecer a autoridade dos mongois (1480). Iván IV o Terrible continuou a expansión de Moscovia e tomou o título de tsar. Despois da crise acaecida na súa morte e a subseguinte elección de Miguel I de Rusia, dos Romanov, e máis tarde do seu fillo Aleixo I de Rusia, Moscovia converteuse no estado en plena evolución que Pedro o Grande transformou no Imperio Ruso.