mouro -ra

mouro -ra

(< lat mauru)

  1. adx

    Que ten a pel escura.

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Magreb ou aos seus habitantes.

    2. s

      Natural ou habitante de Magreb.

  2. adx e s

    Que ou quen profesa a relixión musulmá.

  3. s [HIST]

    Nome dado aos andalusís, mudéxares e mouriscos nos reinos cristiáns da Península Ibérica.

  4. s [ETN/MIT]

    Ser que, na mitoloxía popular galega, construíu e habitou os monumentos antigos, como castros e túmulos de época megalítica, ocultando neles as súas riquezas. Os mouros que vivían baixo os castros desenvolvían diversas actividades, como coidar os porcos dos veciños próximos ao castro para sacar logo beneficios, acudir ás feiras ou mercar viño aos arrieiros a cambio de que gardasen o seu segredo. As mouras eran mulleres de extrema beleza que gardaban grandes riquezas para os humanos que as desencantasen. Aparecían en determinadas datas do ano, como a noite de san Xoán, e mostrábanse peiteando o cabelo a carón dunha fonte ou dun río, ou ofrecendo e mesmo vendendo algún obxecto que tiñan nas súas “tendas” para que un humano as desencantase. Estaban asociadas ás serpes e, en diversas ocasións, teñen aparecido con este aspecto e cun caravel na boca. Para desencantalas, o humano tiña que lle sacar a flor ou darlle nove bicos. Outras variantes mostran ás mouras como fiadeiras ou tecelás mostrando as súas riquezas ao sol. A figura do mouro actuou na mentalidade do pobo galego como unha tribo máxica dotada de vestixios do pasado e, como destacou Vicente Risco, pasou a substituír os primitivos habitantes prehistóricos.

Palabras veciñas

Mouriscas | mourisco -ca | mourisma | mouro -ra | Mouro, torre do | 1 mourón | 2 mourón