Movimiento Revolucionario Tú-pac Amaru

Movimiento Revolucionario Tú-pac Amaru
Nome científico: [MRTA]

Grupo revolucionario de ideoloxía marxista-leninista fundado en Perú o 1 de marzo de 1982. Naceu como resultado da unión do Partido Socialista Revolucionario Marxista Leninista (PSR ML) e do Movimiento de Izquierda Revolucionaria El Militante (MIR EM), -aos que se uniu, en 1986, o Movimiento de Izquierda Revolucionaria Voz Rebelde (MIR VR)- e tomou o seu nome en memoria do rebelde peruano José Gabriel Condorcanqui Noguera (Túpac Amaru). Contrario aos elementos imperialistas, denunciou a política económica gobernamental e motivou ao pobo á loita para rematar coa súa opresión. Organizouse en tres eixes: político, militar e a fronte de masas, e a súa acción levouse a cabo nas fases de acumulación de forzas, de propaganda armada e na propiamente guerrilleira. Para iso creou o Ejército Popular Tupacamarista, -que se complementou coas Fuerzas Especiales- baixo o modelo convencional da guerrilla latinoamericana e cuxos ataques consistiron en bombardeos, asasinatos, roubos a bancos e secuestros. Despois de intentar o diálogo co goberno de Alan García (APRA, 1985), reiniciaron os seus ataques con campañas como “El Che vive” ou “Túpac Amaru libertador” (1987), que constituíron o momento máis álxido da súa loita. En 1989, o seu secretario xeral Víctor Polay Campos foi apresado e Néstor Cerpa Cartolini asumiu o liderado. A partir dese momento, o grupo viuse seriamente prexudicado polas divisións e axustizamentos internos e, desde 1990, por unha forte persecución oficial impulsada por A. Fujimori, así como polas delacións dos seus ex-militantes, que se acolleron á Ley del Arrepentimiento de 1992. O frustrado secuestro de máis de setenta persoas durante 126 días na residencia do embaixador xaponés co fin de canxealos por presos, rematou coa morte dos subversivos, un desenlace que marcou a desaparición do MRTA do escenario nacional, practicamente total desde 1998.