Movimiento Nacional ou Movimiento
Conxunto de forzas políticas que participaron no levantamento do 18 de xullo de 1936, integradas posteriormente como un partido único do Estado español na Falange Española e artellado dentro dunha ideoloxía unitaria, tipificable na Ley de Principios Fundamentales del Movimiento Nacional do 17 de maio de 1958. Dentro da súa organización estaba a Jefatura Nacional, que correspondía ao xefe do estado ou ao presidente do goberno, o Consejo Nacional del Movimiento, a Secretaría General (con rango de ministerio desde 1939) e os consellos nacionais e os locais. De feito, o Movimiento constituíu a ideoloxía do estado totalitario e o ámbito político dentro do que se prevía a evolución do réxime, pero despois da morte de Franco resultou ser o elemento máis inmobilista. Foi abolido o 1 de abril de 1977, no contexto da reforma política de España levada a cabo polo goberno de Adolfo Suárez.