multiplicación

multiplicación

(< lat multiplicatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de multiplicar ou multiplicarse.

  2. s f [MAT]
    1. Operación aritmética que, dados dous números naturais a (multiplicando) e b (multiplicador), consiste en atopar un número, ab, ab ou a·b, que sexa o resultado de sumar b veces o número a. A multiplicación denomínase tamén produto e presenta as propiedades asociativa, conmutativa e distributiva respecto da suma. O elemento neutro da multiplicación identifícase sempre co número natural “1”.

    2. Segunda operación dun anel.

    3. Nome que se lles dá a certas operacións, como a composición de aplicacións ou a lei de composición externa dos espazos vectoriais.

    1. s f [BIOL]

      reprodución.

    2. s f [BIOL]

      reprodución asexual.

    3. multiplicación vexetativa [BOT]

      Reprodución asexual das plantas, é dicir, a que non se efectúa por medio de sementes ou esporas sexuais, senón por gallos, rebentos, xemas, esporas asexuais ou ben polo procedemento da multiplicación in vitro de células indiferenciadas dos meristemas do ápice dos talos, que permite constituír un clon de xermolos capaces de xerar plantas idénticas á nai.

  3. s f [MAT/FILOS]

    Operación realizada en lóxica sobre conceptos, proposicións ou relacións, que remata no produto lóxico.

  4. s f [TECNOL]

    Aumento da velocidade de rotación dun eixe de transmisión respecto doutro.

  5. s f

    Acción ou efecto de esparexer en todas as direccións un determinado elemento a partir dun ou varios puntos.

  6. factor de multiplicación [FÍS]

    Relación que, nun reactor nuclear, se dá entre o número de neutróns de fisión de dúas xeracións consecutivas.

  7. multiplicación heráldica [HERÁLD]

    Resultado da repetición regular de certas pezas fundamentais ou derivadas repartidas por todo o campo do escudo cos esmaltes alternos.

Palabras veciñas

multiplexor | multiplicábel | multiplicable | multiplicación | multiplicador -ra | multiplicando | multiplicar