multiplicador -ra

multiplicador -ra

(< lat multiplicātōre)

  1. adx

    Que multiplica.

  2. s m [MAT]

    Número polo que outro número se multiplica.

  3. s m [BÉL]

    Explosivo que se introduce no cebo dos proxectís ou das cargas explosivas principais e que serve para provocar a explosión da carga que estoura polo efecto do detonador.

  4. s m [ECON]

    Factor numérico que indica a proporción en que o incremento dunha determinada magnitude repercute na variación final doutra coa que estaba relacionada. O concepto de multiplicador foi introducido por Richard F. Kahn para explicar os efectos que produce un investimento determinado sobre o volume total de ocupación. Keynes adoptou e xeneralizou o concepto para que incluíse os efectos acumulativos que un investimento produce na renda, sinalando que estes son máis grandes ou máis pequenos consonte a propensión da comunidade ao consumo.

  5. multiplicador de electróns [FÍS]

    Parte dun tubo electrónico en que a corrente electrónica inicial é amplificada sucesivamente por un conxunto de dinodos alimentados a un potencial cada vez máis elevado. A corrente electrónica é amplificada e recollida polo ánodo ou colector.

  6. multiplicador de frecuencia [TECNOL]

    Dispositivo ou circuíto electrónico que produce unha onda de saída en que a frecuencia é múltiplo exacto da entrada.

  7. multiplicador de tensión [FÍS]

    Circuíto rectificador que produce unha tensión continua de saída superior ao pico da tensión alterna de alimentación e aproximadamente igual a un múltiplo seu. Segundo o caso, recibe o nome de duplicador (ou dobrador), triplicador, etc, de tensión.

  8. multiplicador de velocidade [TECNOL]

    Sistema de transmisión do movemento en que o eixe de saída ten unha velocidade de rotación superior á do eixe de entrada. O cambio de marchas dos automóbiles adoita ser un multiplicador de velocidade cando se embraga a quinta velocidade (superdirecta); deste xeito, nas velocidades altas o motor xira a menos revolucións e o desgaste das pezas móbiles é menor.