Múnic
Capital do land de Baviera, Alemaña (1.194.560 h [estim 2001]). Está situada sobre unha das terrazas da ribeira esquerda do Isar, que domina unha ampla chaira sedimentaria. En 1885 Múnic tiña máis de 250.000 h, 500.000 en 1900 e en 1956 alcanzou xa o millón de habitantes. Destruída nun 40% polos bombardeos da Segunda Guerra Mundial, durante os anos de posguerra tivo un período marcado pola reconstrución e por unha nova e rápida expansión. En 1972 foi sede dos Xogos Olímpicos, circunstancia que favoreceu un novo embelecemento da cidade e a construción do metro. Múnic é un gran centro industrial, cultural e de comunicacións. É o maior produtor de cervexa de Alemaña e destacan as industrias de electrónica, maquinaria, automóbiles (BMW) e editoriais. Turisticamente destacan as festas arredor da cervexa, especialmente o Oktoberfest. A cidade fundouna cara a 1158 Enrique XII de Baviera o León, duque de Baviera, no lugar dunha antiga colonia xurdida arredor dun mosteiro beneditino de finais do s VIII, e chamada, por iso mesmo, ad monachos ou Munichen (‘propiedade dos monxes’). Acadou axiña grande importancia pola súa situación na confluencia da ruta do sal e outras rutas comerciais que conducían a Roma desde Nuremberg e Ratisbona. Propiedade dos Wittelsbach, o duque Luís o Rigoroso estableceu alí a capital (1255). En 1294 obtivo os dereitos de cidade e experimentou un crecemento socioeconómico importante. A unión da Alta Baviera e da Baixa Baviera co duque Alberte IV o Sabio (1506) aumentou a súa importancia. Foi o centro artístico renacentista de Alemaña con Alberte V, e durante a Guerra dos Trinta Anos, con Maximiliano I de Baviera, foi o baluarte do catolicismo. Foi a capital do Reino de Baviera con Maximiliano I Xosé de Baviera (1806), e da república homónima en 1918. Escenario do putsch de Hitler (1923), foi sede importante do nacionalsocialismo. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa Sankt Peter (ss XII-XIV), cunha torre (s XIV), coñecida como de Alter Peter, a catedral (segunda metade do s XV) e a antiga casa da cidade (finais do s XV). Unha das igrexas máis importantes é a de Jesuitenkirche ou Sankt Michael (1573-1597), obra da Contrarreforma. Durante o s XIX Luís I de Baviera modificou o urbanismo e favoreceu moitas construcións; protexeu ao arquitecto Leo von Klenze, de quen son a Glyptotec, a Pinakothec, o palacio Leuchtenberg, os Propyläen, o Odeon e o Nationaltheater. A cidade foi o principal centro do Jugendstil e do Grupo de Múnic, grupo de sete arquitectos, entre os que destacaron A. Endell, R. Riemerschmid e P. Behrens. Dispón de numerosos teatros como o Nationaltheater, Cuvilliés-Theater, Deutsches Theater, Neue Philarmonie, Münchner Marionettentheater, e museos como a Glyptothek, a Alte Pinakothek, que garda importantes coleccións de pintura alemá e flamenga dos ss XVI e XVII, a Neue Pinakothek, especializada en pintura moderna, o Bayerisches Nationalmuseum e o Deutsches Museum, entre outros. Ademais é a cidade wagneriana por excelencia e non deixou de cultivar a súa tradición musical.