Murcia

Murcia

Capital da Comunidad Autónoma de la Región de Murcia (370.745 h [2001]). De orixe musulmá e situada orixinariamente á esquerda do río Segura, conservou o seu carácter medieval ata mediados do s XIX, cando iniciou a súa expansión urbana coa formación do novo barrio do Carmen. O seu crecemento foi impulsado, en gran parte, pola construción do ferrocarril, que deu saída aos produtos da horta. Grazas a isto, o municipio de Murcia rexistrou un crecemento demográfico notable, de 111.539 h que tiña en 1900, pasou a 158.724 h en 1930, e a 249.738 h trinta anos despois. Nos primeiros anos do s XXI, a cidade continuou a medrar cara ao N e ao L. O núcleo antigo céntrase nas rúas de Platería e Trapería, onde están os monumentos artísticos principais. Durante os reinos de taifas pasou sucesivamente a diversas dinastías, en 1078 caeu baixo o dominio da Taifa de Sevilla, e máis tarde baixo os imperios almorábide e almohade, ata que en 1244 pasou a Castela polo Tratado de Almirra (1244), ratificado pola Concordia de Torrellas (1304). Durante a Guerra de Sucesión apoiou a Filipe II de Orléans e desde o s XVIII gozou dunha certa prosperidade, que se acentuou no século seguinte e sobre todo na segunda metade do s XX. O edificio máis importante é a catedral gótica (1394-1465), coa fachada principal de estilo barroco (1736-1754). Tamén destacan o convento de Santa Clara (s XIII), a igrexa renacentista de San Esteban e as igrexas barrocas de San Juan de Dios e da Merced (esta con portada churrigueresca). O edificio da Audiencia é do s XVI, e o pazo episcopal, do s XVIII.