Murcia
Comunidade autónoma de España, constituída pola provincia homónima (11.317 km2; 1.197.646 h [2001]). Limita ao N coas provincias de Albacete e Alacant, ao S co Mar Mediterráneo, ao L coa provincia de Alacant e o Mar Mediterráneo e ao O coas provincias de Almería, Granada e Albacete. A súa capital é Murcia.
Xeografía física
O relevo é variado e complexo. Todas as montañas son de idade alpina e forman parte do extremo nororiental das cordilleiras Béticas. As principais cadeas, as serras de Espuña e Quípar, están formadas por materiais secundarios, terciarios e cuaternarios. A Penibética remata no cabo de Palos e abrangue as serras litorais de Almenara, Mazarrón e Cartagena. No interior atópanse as serras Subbéticas, e as serras de Carrascoy, Espuña e Taibilla. A principal conca interior é a do val Sangonera-Segura, que provén da provincia de Almería, atravesa Murcia e finaliza en Oriola (Alacant). Outras depresións importantes son as de Yecla, Jumilla e Mula. No litoral hai unha ampla albufeira de 185 km2, o Mar Menor, separada do mar por La Manga del Mar Menor. O clima é tipicamente mediterráneo, cunha acentuada tendencia á aridez e unha pluviosidade de 300 a 350 mm anuais no litoral e nas zonas baixas. Os escasos días de precipitacións e as altas temperaturas fan de Murcia unha das rexións máis áridas de España. O principal eixe fluvial é o Segura, que se aproveita nos regadíos da extensa horta murciana. Os afluentes do Segura, sobre todo os do tramo inferior, adoitan estar secos e teñen réxime de enxurrada, levando auga unicamente nos períodos chuviosos (ríos Quípar, Argos, Benamor e Sangonera).
Xeografía económica
O trazo característico da agricultura murciana son as ricas e explotadas hortas. As principais producións agrícolas son os cítricos (limóns e laranxas), os produtos hortícolas (tomates, patacas e pementos) e as froiteiras (albaricoques, pexegos e mazás). Todos estes produtos son a base dunha importante industria alimentaria, basicamente conserveira e destinada en parte á exportación, situada na Ribera Alta del Segura (Molina de Segura, Cieza) e na Huerta de Murcia (Alcantarilla, Beniel, Murcia). No secaño prodúcense cereais, especialmente cebada. A minaría proporciona chumbo e cinc nos xacementos das serras de Cartagena e Mazarrón. Dentro da industria destaca a fabricación de diferentes produtos nas plantas químicas e petroquímicas da zona S da rexión. Ademais do sector químico destacan o sector alimentario, o de material de construción, a madeira, o calzado, a confección, o coiro e os transformados metálicos. No sector terciario destaca o impulso expansivo do sector turístico, en desenvolvemento a partir da Costa Blanca murciana. Os principais núcleos turísticos sitúanse no golfo de Mazarrón e na Manga del Mar Menor. Cartagena é sede dunha base naval militar, que a converte na capital do departamento marítimo do Mediterráneo.
Xeografía humana
Murcia ten unha densidade media de 92 h/km2. Desde a metade do s XIX producíronse sensibles incrementos demográficos, freados, sen embargo, por amplos movementos migratorios cara aos núcleos industriais de Madrid, València e sobre todo Barcelona. As principais correntes migratorias producíronse nas décadas de 1930 e 1960. A partir de 1975 a emigración diminuíu e desapareceu o elevado saldo migratorio negativo.
Historia
Habitada polos iberos durante a Antigüidade, no s III a C foi invadida polos cartaxineses, que fundaron a cidade de Cartagena (228? a C). Foi conquistada por Roma en 209 a C, momento en que se converteu nunha das colonias máis importantes da Península Ibérica; inicialmente formou parte da provincia Tarraconense e posteriormente integrouse na Cartaxinense. A principios do s V foi ocupada polos alanos e a finais de século polos visigodos. En 554 caeu baixo o dominio de Bizancio, que a denominou Orospeda, ata que Suintila a reintegrou no reino visigodo de Toledo (621) como condado. Aínda que o conde Teodomiro conseguiu manter unha certa autonomía fronte aos invasores árabes pactando con eles (713), mentres que o seu sucesor, Atanaxildo (743), foi derrotado por ‘Abd al-Ra Palatino; ḥ mān II (799) e o territorio pasou ao Califato de Córdoba. O dominio árabe persistiu ata 1266, cando Xaime I de Aragón ocupou o territorio e o entregou a Castela a excepción de Alacant, que, incorporada ao Reino de Murcia nos últimos tempos da dominación, pasou ao Reino de València. Durante o s XVII quedou reducida demograficamente por culpa da expulsión dos mouriscos (1609-1616) e da peste de 1648-1649, malia que se recuperou no século seguinte. Sometida baixo un réxime feudal, a agricultura comezou a declinar a causa dos privilexios do Honrado Concejo de la Mesta, pero iniciou a súa recuperación a partir do s XVIII, pola supresión dos beneficios da institución. En 1833 foi dividida nas provincias de Murcia e Albacete, e en 1865 construíuse o ferrocarril que a uniu con Madrid. A desamortización de mediados do s XIX non alterou o seu réxime latifundista, causa da emigración que sufriu desde o final do s XIX en diante. Coa división político-administrativa iniciada en 1978, Albacete pasou a formar parte da Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha e Murcia converteuse en comunidade autónoma uniprovincial. O Estatuto de Autonomía foi aprobado polas Cortes españolas en 1982.
Patrimonio cultural
Dentro do patrimonio murciano de época antiga, destacan especialmente o teatro romano de Cartagena (s I a C), declarado Ben de Interese Cultural (BIC, 1999), e as termas romanas de Águilas (s I). O monumento principal de Murcia é a catedral gótica (ss XIV-XVIII), declarada BIC (1931), que ten planta de tres naves, cruceiro e deambulatorio, e leva unha torre (s XVI) de tres corpos con remate cupulado, nun dos lados da fachada, que é barroca (1736-1754); destacan ademais as fachadas laterais, a dos Apóstoles que é gótica (s XV) e a das Cadenas, plateresca (s XVI). Da arte medieval cómpre destacar o mosteiro de Santa Clara (BIC, 1982), con claustro gótico e xesarías mudéxares, o castelo da Concepción (s XIII) en Cartagena (BIC, 1931) e o castelo de Lorca (s XIII) declarado BIC (1931). Do Renacemento destaca a igrexa de San Esteban (BIC, 1931) e o claustro (posteriormente convertido en universidade) da igrexa da Merced (BIC, 1981). Destacan ademais a igrexa de San Bartolomé (s XV) en Ulea, o santuario da Encarnación (BIC, 1980), a igrexa do Salvador do s XVI (BIC, 1983) en Caravaca de la Cruz; o mosteiro de Santa Ana del Monte do s XVI (BIC, 1982) en Jumilla, o santuario de la Fuensanta (BIC, 1983) e o da Virgen de Calasparra, ambos os dous do s XVII, así como a colexiata de San Patricio (ss XVI-XVIII) en Lorca. O Barroco foi o período que máis profundamente marcou a arte murciana, grazas ao florecemento económico vivido, sobre todo desde a súa capital, durante o s XVIII. A esta época corresponden igrexas como a de San Juan de Dios (BIC, 1980), San Juan Bautista (BIC, 1983), Santo Domingo (BIC, 1982) ou San Lorenzo (BIC, 1981). En canto á arquitectura civil, destaca o Teatro Romea (1862) (BIC , 1990), o palacio del Obispo (1992) e o palacio Vinader (BIC, 1990).