Muros, San Pedro de
Antiga igrexa parroquial situada en Muros. Coñecida como a colexiata de Santa María do Campo,e construída en estilo románico durante a segunda metade do s XII, o edificio que se conserva foi iniciado polo arcebispo Lope de Mendoza e rematado polo concello de Muros. Da súa construción orixinal só se conservan algúns canzorros e algunhas pezas de cantaría. A antiga ábsida románica foi substituída por unha capela de estilo oxival, cuberta con bóveda de cruzaría e con varios sepulcros medievais no seu interior. A nave principal presenta cuberta de madeira a dúas augas e a ela ábrense seis capelas laterais, con cubertas que varían desde a bóveda estrelada á bóveda de cruzaría. Do interior, destacan as imaxes de Xesús Cristo agonizante, os relicarios e algúns ornamentos litúrxicos. A fachada presenta un pórtico sostido por catro columnas que precede á portada románica, con arquivoltas semicirculares e tímpano sobre mochetas. Na parte superior leva un rosetón e remata cunha estrutura pétrea que alberga unha campá. Á dereita da portada érguese unha torre cuadrangular dividida en tres tramos e con remate cupulado. Mantivo a categoría de colexiata ata o s XIX, para pasar desde entón a ser igrexa parroquial.