musaraña

musaraña

(< lat mus aranĕus,coa terminación de araña)

  1. s f [ANIMAL]

    Mamífero que pertence á familia dos sorícidos, da orde dos insectívoros, de tamaño pequeno que presenta o fociño alongado e en punta, os ollos moi pequenos e as orellas ocultas polo pelo, que é moi brillante. A maioría das especies presentan glándulas de almiscre que lles serven de defensa. Son moi activos e cazan invertebrados e pequenos vertebrados constantemente, non hibernan. A musaraña común (Sorex araneus) e a musaraña miúda (Sorex minutus) habitan por case toda Europa; a musaraña etrusca (Suncus etruscus) é o mamífero máis pequeno de Europa; a musaraña de auga (Neomys fodiens) habita nas beiras das correntes lentas de auga; a musaraña doméstica ou muraño (Crocidura russula) e a musaraña campesiña ou dos xardíns (Crocidura suaveolens) están presentes en Galicia, viven nos bosques, matogueiras e zonas algo urbanizadas, aliméntanse principalmente de insectos e os seus principais depredadores son as rapaces nocturnas e algúns carnívoros.

  2. musaraña anana [ANIMAL]

    Mamífero insectívoro de 3,6 a 5,2 cm de lonxitude, cunha cola de aproximadamente 2,5 cm e 3 gramos de peso. É un dos micromamíferos máis pequenos do mundo. Ten o pelame grisáceo e o fociño afiado con grandes bigotes. É moi voraz, polo que come a maior parte do día, aliméntase de insectos, de lombrices e doutros invertebrados, incluso de maior tamaño que ela. Non pode pasar máis de 12 horas de xaxún porque morrería de inanición. Habita en terreos abertos, xardíns, muros de pedra e zonas de cultivo.

  3. musaraña doméstica

    Mamífero insectívoro que vive nos xardíns, lindeiros dos bosques ou campos abertos ata os 1.600 m de altitude. É de hábitos nocturnos, aliméntase de insectos, e ten como principais inimigos a curuxa, a avelaiona e a donicela. OBS: Tamén se denomina muraño.

Palabras veciñas

Mūsà ibn Nu ayr | musáceo -a | musaka | musaraña | Musas del Lérez, Las | Musashino | Musca