Museo de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando
Museo de titularidade estatal situado nas dependencias da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. Fundado en 1774 por decisión de Carlos III, os seus fondos iniciais procedían da Junta Central de Monumentos, e foron ampliados con diversas coleccións confiscadas aos xesuítas, coas obras premiadas nos concursos públicos convocados pola Academia desde 1753 e coas doazóns de particulares. Acolle unha das máis importantes coleccións de pintura española, da que destacan as obras de Zurbarán, Ribera e Goya, e tamén europea, como obras de Rubens, Mengs ou van Loo. Conta tamén cunha colección de debuxos, gravados, mobles, porcelanas e outros obxectos artísticos. Organiza conferencias, coloquios e outras actividades ademais de publicar monografías e outras obras.