mutación

mutación

(< lat mutatĭône)

  1. s f

    Acción e efecto de mudar ou mudarse.

  2. [XEN]
    1. s f

      Alteración permanente dun ou máis caracteres hereditarios como consecuencia dun cambio no material xenético dunha célula, que se transmite ás células fillas. As mutacións xenéticas modifican a morfoloxía ou a fisioloxía dos individuos e poden ter unha causa artificial, de tipo químico ou radioactivo. As mutacións inducidas son provocadas por un axente mutaxénico, e as espontáneas atribúense ao azar. As mutacións cromosómicas modifican o número, a estrutura e a distribución dos cromosomas, e as xénicas alteran un ou máis xenes e poden ter un efecto favorable, neutro ou desfavorable sobre os individuos. A selección natural elimina moitas mutacións desfavorables e potencia as que son beneficiosas para o individuo. As mutacións introduciron resistencias de bacterias contra os antibióticos, facéndoas insensibles a doses que antes eran letais.

    2. frecuencia de mutación

      Proporción dun tipo de mutantes que se atopan presentes nun momento dado nunha poboación celular en crecemento, e que depende da taxa de mutación e do grao de selectividade do medio.

    3. taxa de mutación

      Probabilidade de que unha célula dunha poboación celular en fase de crecemento sufra de xeito espontáneo un tipo específico de mutación. A taxa de mutación exprésase por


      FORMULA


      onde a é a taxa de mutación; m, o número de mutacións específicas dentro da poboación, e d, o número de ciclos de divisións celulares individuais dentro da poboación.

  3. [MÚS]
    1. s f

      Cambio dun modo a outro ou cambio de tonalidade que se produce nunha peza musical.

    2. s f

      Cambio que se introduce na resposta da fuga.

    3. s f

      Modificación da tesitura nun cantante, especialmente nos nenos, cando se fan homes.

    4. mutacións de órgano

      Xogos da boca do órgano, empregados para dar os harmónicos que acompañan as melodías. Poden dar un acompañamento tonal diferente, segundo o uso que se faga.

  4. s f [ESPECT]

    Cada un dos cambios de escena que se fan no teatro ao mudar o pano e os bastidores.

Palabras veciñas

mutábel | mutabilidade | mutable | mutación | mutacionismo | mutacionista | mutador