natalidade
(
-
[DEMOG]
Relación do número de nacementos contabilizados en períodos anuais. É un concepto demográfico relacionado co de fecundidade. A natalidade mide a frecuencia dos nacementos que ocorren no seo dunha poboación tomada no seu conxunto, e a fecundidade designa a frecuencia dos nacementos que teñen lugar dentro do subconxunto en idade de procrear. As principais fontes de información españolas sobre nacementos son o Movimiento Natural de la Población Española (MNPE), os Censos de Poboación e Padróns Municipais de Habitantes e a Enquisa de Fecundidade. Os indicadores e taxas que se utilizan para medir a natalidade e a fecundidade son a taxa bruta de natalidade (TBN) e a taxa xeral de fecundidade (TXF). A TBN está moi influída pola estrutura por idades ao ter en conta os nacementos con respecto ao total de poboación: TBN = Nt / Pt x 1.000. É, por tanto, o resultado do cociente dos nacementos no ano t entre a poboación dese ano, dándose o resultado en tantos por mil. Para evitar a distorsión que produce o ter en conta a totalidade do colectivo demográfico emprégase, entre outros índices, a TXF, que pon en relación os nacementos coa poboación feminina en idade fecunda. Convencionalmente considéranse como tal as mulleres de entre 15 e 49 anos. O indicador exprésase do seguinte modo: TXFt = Nt / Pft15-49 x 1.000 (nacementos no ano t divididos entre a poboación feminina de 15 a 49 anos, multiplicando o resultado por mil). Outros índices aínda máis precisos son as Taxas específicas de fecundidade (TEF), que relacionan os nacementos correspondentes a unha idade determinada (x) co efectivo total de mulleres desa mesma idade: TEFtx = Ntx / Pftx x 1.000; e o índice sintético de fecundidade (ISF), formado pola suma das taxas específicas de todas as idades ou dos grupos de idade, tamén chamado número medio de fillos por muller. O ISF pódese calcular tamén de xeito máis doado multiplicando a TXF por 35, que é a duración media en anos do período fértil (de 15 a 49 anos de idade). Para asegurar a substitución xeracional de calquera poboación é necesario un ISF de 2,1. Na natalidade e na fecundidade inciden múltiples factores. Dos biolóxicos destacan a idade, a esterilidade natural permanente ou temporal por enfermidades ou a infecundidade feminina entre partos, en relación coa lactancia, os abortos, a morbilidade e os estados carenciais. O medio social pode incidir en relación a normativas legais sobre anticonceptivos e aborto, como as campañas natalistas ou antinatalistas de carácter institucional, as crenzas relixiosas, as pautas sobre a idade do casamento ou emparellamento ou a consideración social sobre o papel da muller. O nivel cultural tamén é importante e incide no control voluntario da natalidade. Tamén inflúe o alongamento do período de estudos entre as mulleres, que incide nun maior uso dos anticonceptivos e no retroceso na idade de matrimonio, ademais da súa propia promoción social e laboral. Polo que respecta aos factores económicos, cómpre diferenciar entre as sociedades desenvolvidas e as que están en desenvolvemento. Nas primeiras o fillo valórase fundamentalmente en termos de gastos, e se se supón unha plena capacidade para controlar a fecundidade, as parellas non terán máis fillos ca os que a súa capacidade económica lles permita ter de acordo cos gastos do seu nivel sociocultural. No segundo caso os fillos son vistos en moitas ocasións como un investimento, sendo neste caso moi importante o papel da familia, porque cando esta é unha unidade de produción (como nas sociedades agrarias), os fillos son axiña man de obra e se non existen prestacións sociais de sanidade, xubilación ou viuvez por parte do estado, a familia é o único sostén para os anciáns. Isto tamén incide en que os fillos homes sexan máis valorados ca as mulleres, favorecendo o matrimonio destas a idades moi novas, ou mesmo o infanticidio feminino, pola súa menor produtividade. Entre as consecuencias da natalidade cómpre dicir que se descende prodúcese un avellentamento da poboación. Ademais de supor un menor crecemento natural, ou mesmo decrecemento, prodúcese unha modificación dos pesos relativos dos diferentes grupos de idade, cunha maior proporción automática dos adultos e anciáns. O descenso da natalidade tamén inflúe na composición por sexo, reducíndose a proporción de masculinidade, pois nacen entre 105 e 107 nenos por cada 100 nenas. O aumento do número de nacementos supón un rexuvenecemento da estrutura por idades, que de ser moi intenso pode supoñer problemas de superpoboación, xurdindo dificultades para manter a todo o colectivo demográfico, desaxustes no mercado de traballo e incremento de gastos en educación. Polo que respecta á evolución da natalidade en Galicia e no conxunto do Estado desde 1900 pódese afirmar que Galicia presentaba a comezos do s XX unha natalidade elevada (entre 1901 e 1910 situouse no 32,8‰, mentres que a española estaba no 34,1‰). Durante as dúas primeiras décadas do século a taxa reduciuse considerablemente, tanto no conxunto galego (28,1‰ en 1920) como nas catro provincias (A Coruña, 29,3‰; Lugo, 26,1‰; Ourense, 28,2‰; Pontevedra, 28,3‰), se ben a diminución da natalidade foi moito máis substancial en Lugo e Ourense debido á maior incidencia da emigración. O control voluntario tivo como orixe unha diminución da mortalidade infantil, de xeito que xa non era preciso ter tantos fillos como en momentos precedentes para asegurar a descendencia e a man de obra no campo. Ademais produciuse unha diferenciación notable con respecto á natalidade española (29,7‰ en 1920). A tendencia á caída da taxa interrompeuse durante a década de 1920, manténdose bastante estable ata 1935 (28,4‰), período en que se estabilizou e mesmo medrou un pouco. A Guerra Civil Española condicionou unha forte caída da fecundidade e da natalidade, que acadou valores moi baixos (24,6‰ en 1940), circunstancia común ao conxunto do estado (24,1‰). A recuperación da natalidade foi moderada e breve, de xeito que desde 1945 continuou o acusado descenso (22,3‰ en 1950 no conxunto galego; 22,9‰ na Coruña; 20‰ en Lugo; 21,9‰ en Ourense, 23,3‰ en Pontevedra e, 21,5‰ en España), que se agudizou especialmente na década de 1980, cando se situou por debaixo do límite do 10‰. No período 2000-2001 os índices foron menores (Galicia, 7,08‰; España, 9,9‰). Desde 1940 Pontevedra é a única provincia que mantén unha taxa de natalidade por riba da media galega, porque este territorio tivo uns saldos migratorios negativos inferiores ca os do resto de Galicia, de xeito que a súa estrutura por idades mantivo uns menores índices de senectude. O número medio de fillos por muller sitúase en 0,9 (2001), fronte ao 1,2 do conxunto do estado. As maiores taxas de natalidade, sempre dentro de valores moi cativos, sitúanse no terzo occidental, especialmente nas Rías Baixas e no Baixo Miño. Fóra desta área tan só as cidades do interior, a periferia de Ourense, O Barco de Valdeorras, A Rúa e Verín destacan minimamente.
-
control de natalidade
[SOCIOL]
Control do crecemento demográfico mediante a aplicación sistemática dos métodos contraceptivos, como son os métodos de barreira (preservativos e diafragmas), os espermicidas químicos vaxinais, o dispositivo intrauterino, os contraceptivos hormonais (pílula, pílula do día despois), a esterilización cirúrxica (vasectomía e ligadura de trompas) e métodos de planificación familiar naturais (método de Ogino-Knaus e coitus interruptus), ou ben mediante a legalización ou o fomento do aborto, coa finalidade de impedir o nacemento de fillos non desexados. Ten a súa orixe na doutrina antinatalista do s XIX, de T. R. Malthus, cando espertou o interese xeral pola superpoboación, problema que sofren os países subdesenvolvidos desde o s XIX onde a poboación crece a un ritmo superior ao dos recursos alimentarios e enerxéticos, entre outros. En 1923 Margaret Sander fundou en Reino Unido a primeira clínica especializada na aplicación do control de nacementos, e a partir de entón quedou establecida unha correlación entre este control e o feminismo.