Nuno Perez Sandeu
Trobador portugués. Puido relacionarse coa corte de Don Denís (1279-1325). Pertencente á liñaxe dos Sandeu, foi descendente de Egas Mendez, fillo dun cabaleiro asturiano. Da súa produción, atopada nos cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Vaticana, consérvanse seis cantigas de amigo, tituladas “Ai, filha, o que vos ben queria”, en que o diálogo de nai e filla se realiza nun novidoso espazo urbano; “Ai, mia madre, sempre vos eu roguei”, “Deus, por que faz meu amig outra ren”, “Madre, pois non posso veer”, “Porque vos quer eu mui gran ben” e “Madre, disseron-mi ora que ven”. Todas as composicións seguen o esquema propio da escola do autor, cunha tendencia ao emprego da estrofa de seis versos, e unha preferencia polo esquema de rima abbaCC. Tematicamente, trata o amor contrariado pola firme vontade da nai, á que responde a amada coa loita ata a propia morte.