Nuno Rodriguez de Candarei
Trobador probablemente galego. Foi membro dunha liñaxe galega que desenvolveu a súa actividade entre 1225 e 1250 en terras portuguesas e que se caracterizou polas excelentes relacións que mantivo cos poderes rexios casteláns. O seu pai, Rodrigo Pais de “Candrei”, foi vasalo na corte do Rei Fernando III, xunto con Rodrigo Gomez de Trastámara. Pertenceu á mesma xeración que Pai Soarez de Taveirós, Martin Soarez, Pero Garcia Burgalês e Johan Nunez Camanêz. Da súa produción, localizada nos cancioneiros da Biblioteca Nacional, da Vaticana e da Ajuda, consérvanse catro cantigas de amor “Ben deviades, mia senhor”, “En gran coita vivo, senhor”, atribuída tamén a Johan de Gaia nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional, “En que grave dia, senhor” (fragmento) e “Nostro Senhor! en que vus mereci” (fragmento), que tamén se lle atribúe a Nuno Porco.