nación
(< lat natĭōne)
-
s
f
[DER/POLÍT]
Comunidade de individuos á que uns vínculos determinados, basicamente culturais e de estrutura económica, e unha historia común, lle confiren unha fisionomía propia, diferenciada e unha vontade de organización e proxección autónoma que a leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado. A nación, como fenómeno consciente e activo na vida colectiva, xurdiu na Revolución Francesa. Os seus elementos son o territorio, a lingua, a raza, os costumes e a relixión. A revisión do concepto de nación introduce un novo elemento, que destaca a necesidade de que esta sexa conscientemente percibida polos individuos que a integran. A partir da Revolución Francesa, a exaltación da nación como elemento dinámico para a destrución do Antigo Réxime fai que a noción clave de soberanía fose desprazada do pobo (vontade popular) á nación (vontade nacional). Este feito levouno a cabo unha parte do pobo, a burguesía dirixente e beneficiaria do proceso revolucionario, que activou a vida política. A crise do estado liberal burgués e o efecto combinado do protagonismo crecente das masas populares e de transformación das estruturas socioeconómicas mundiais, deulle, un forte pulo á presenza activa do feito nacional, como factor clave da crise que está a sufrir o estado.
-
s
f
Conxunto de individuos que constitúen unha comunidade política unidos baixo un mesmo goberno.
-
s
f
Territorio ocupado por este conxunto de individuos.
-
s
f
Terra ou país onde nace alguén.