nacionalidade
(< nacional)
-
s
f
[DER/POLÍT]
Carácter nacional, condición étnica, política e institucional que constitúe unha nación.
-
s
f
[DER]
Situación da persoa determinada pola súa suxeición ou pertenza á xurisdición dun estado, co conxunto de deberes e dereitos que isto comporta. A atribución da nacionalidade a unha persoa prodúcese no momento do seu nacemento. Dous principios fundamentais rexen esta atribución: o ius soli, segundo o que se adquire a nacionalidade do estado onde se produce o nacemento, e o ius sanguinis, en canto que a nacionalidade que un adquire é a do pai e a da nai. Nos países anglosaxóns e de América do Sur predomina o principio do ius solis, mentres que en Europa predomina o de ius sanguinis; aínda que o máis frecuente é a combinación de ambos os dous principios. O cambio de nacionalidade orixinaria é posible mediante os mecanismos de naturalización ou de carta de natureza. Por acordos entre estados tornouse posible a nacionalidade múltiple, isto é, a posibilidade de ter máis dunha nacionalidade. O máis frecuente é a dobre nacionalidade. A perda de toda nacionalidade converte a persoa afectada en apátrida. As normas internacionais, así como tamén as internas dalgúns estados, prevén a posibilidade de sanción que consiste na perda da nacionalidade, para as persoas afectadas, para o que a sanción pode ser a retirada do pasaporte.
-
s
f
[DER]
Nación sen estado, recoñecida nalgunhas constitucións, pero cun certo nivel de autonomía. A Constitución de 1978 designa con este termo determinados territorios histórico-xeográficos, sen especificar cales. Non se emprega como termo administrativo ou civil, que distingue entre os cidadáns do Estado español.
-
nacionalidade histórica
[POLÍT]
Concepto que utilizou a Constitución de 1978 para referirse ás comunidades de Catalunya, Euskadi e Galicia polas súas características históricas, culturais e económicas diferenciadas. Foron consideradas comunidades de nacionalidade histórica ao conseguir un Estatuto de Autonomía durante a Segunda República (1931-1936), aínda que a Guerra Civil Española impediu o seu desenvolvemento. Os seus Estatutos de Autonomía, con base no artigo 143 da Constitución de 1978, recoñéceas xuridicamente.
-
principio de nacionalidade
[DER/POLÍT]
Principio xurídico e político polo que debe haber a plena identidade entre nación e estado, e polo que os grupos nacionais concretos teñen dereito a constituírse en estado independente. Esta fórmula, establecida no s XIX, foi máis coñecida no s XX co nome de principio de autodeterminación ou de autogoberno dos pobos. Representa o aspecto dinámico, na orde política, do recoñecemento da existencia da nación. Na época romántica, toda unha corrente contribuíu á defensa e á divulgación da nacionalidade, que atinxiu niveis filosóficos, políticos, literarios e mesmo relixiosos. En Italia, Mazzini propuxo que deberían ser as nacións os suxeitos do ordenamento xurídico internacional e non os estados. En moitos casos o concepto de nacionalidade está desterrado dos grandes textos de declaracións universais, onde é substituído polo máis ambiguo de pobos, respecto aos que se proclama o principio de autodeterminación. Desta maneira, é posible asistir á chegada da independencia total de entidades de moi minguada poboación, porque isto é conveniente para os intereses da potencia colonizadora, mentres loitan por conseguir dereitos identificadores mínimos e nacionalidades moito máis sólidas, tanto por arraigo histórico como por estrutura socioeconómica.