Nagasaki
Capital do ken homónimo, na illa de Kyūshū, Xapón (432.759 h [1997]). Situada na península de Nishisonoki, era coñecida xa no s XII. No s XVI tivo un amplo desenvolvemento ao abrirse o porto a portugueses, españois e holandeses, que introduciron a cultura occidental. En 1854 abriuse o tráfico a EE UU e en 1859 a outros países. Destruída en gran parte pola explosión atómica do 9 de agosto de 1945, recuperou a súa poboación pero non a antiga categoría económica. Famosa polos estaleiros, que datan de 1857, é o principal centro mundial de construción naval. Con carbón na illa de Takashima, Nagasaki ten o núcleo industrial no complexo Mitsubishi, con industrias metalúrxicas, de transformación e de mecánica. É unha das bases máis importantes da frota pesqueira xaponesa.